
As organizacións sindicais piden unha reunión urxente coa ministra de Sanidade pola negociación do Estatuto Marco

As organizacións sindicais con representación na mesa do ámbito da sanidade (CIGS-Saúde, FSES, CCOO, UGT Servizos Públicos e CSIF) remitíronlle unha carta á ministra de Sanidade, na que lle exixen unha reunión urxente para estabelecer e aclarar os termos nos que se debe levar a negociación do Estatuto Marco.
Os sindicatos describen na carta varios feitos que "están afectando ao desenvolvemento normal da negociación que se leva a cabo para a actualización e reforma deste marco normativo no seo do ámbito de negociación, en cumprimento co estabelecido no artigo 11.4 da lei 55/2003, do Estatuto Marco". Sinalan que se "está desvirtuando o proceso de negociación que nos foi encomendando como representantes sindicais de todo o persoal estatutario, sen exclusión de ningunha categoría profesional". Polo tanto, reclaman reconducila "nos termos máis aceptábeis" para os intereses dos traballadores e as traballadoras, incluíndo a todas as categorías profesionais que conforman o sistema de saúde.
As organizacións adiantan que, coa perspectiva de levar a cabo unha negociación frutífera, aprazarán a negociación con respecto ás próximas datas xa axendadas, "mentres non se celebre unha reunión esencial e prioritaria coa ministra de Sanidade".
FSES, CCOO, UGT Servizos Públicos, CSIF e CIG-Saúde sinalan que esta estratexia está plenamente xustificada "pola situación xerada polo propio Ministerio de Sanidade respecto ao trámite da negociación colectiva regulamentaria, xunto coa exposición mediática creada e mantida no tempo, e a desvirtuación da información que se xerou".