As organizacións sindicais da Mesa Sectorial plantan ao SERGAS

Denuncian o bloqueo da administración e advirten que non descartan medidas de presión
Nacional - 30 Set 2025

As organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial do SERGAS (CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT) denuncian a actitude de bloqueo da administración sanitaria, “que continúa a encher a mesa de contido baleiro e exclusivamente administrativo, sen abordar nin un só dos problemas reais que afectan ao persoal do sistema sanitario público galego”.

 

Consideran que nun momento clave, cando se están a preparar os orzamentos da Xunta, o SERGAS négase a negociar o plan de ordenación de atención primaria e hospitalaria, o que fai prever que tampouco se incluirá a necesaria dotación orzamentaria para garantir cadros de persoal axeitados ás necesidades asistenciais.

As organizacións sindicais lembran que, a estas alturas do ano, o persoal de atención primaria segue sen coñecer os seus calendarios laborais para o 2026, nin hai data para a súa negociación.

Ademais, apuntan, o propio SERGAS incumpriu o calendario de traballo comprometido a principios de ano, "do que apenas executou un 20%". A esta situación engádese que o SERGAS paralizou os cómputos de xornada en todas as xerencias por non ser quen de interpretar o acordo de xornada vixente.

Esta decisión está a provocar que o persoal, tanto de atención primaria como hospitalaria, acumule unha débeda de xornada e vese abocado a recorrer aos tribunais para defender os seus dereitos.

"Outra explicación, advirten,  sería que o goberno de Rueda utilizou e enganou as traballadoras e traballadores asinando un acordo de xornada moi beneficioso para o persoal do SERGAS en vésperas das eleccións autonómicas, que se encargou de publicitar para favorecer o voto a través de SMS de texto, sen ter intención real de aplicalo".

Por todo isto, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT plantáronse este martes ante o SERGAS e o conselleiro de Sanidade, reclamando:

- Unha negociación real e efectiva das condicións laborais.

- O recoñecemento e valoración das traballadoras e traballadores da sanidade pública.

- A garantía de condicións laborais dignas e acordes á responsabilidade do servizo prestado á cidadanía.

As organizacións sindicais advirten que, de non producirse un cambio inmediato na actitude da administración, non descartan a adopción de medidas de presión, dado que a situación actual é insostíbel.