Os sindicatos con representación no Concello de Cambados condenan a agresión sufrida por un traballador municipal
As tres organizacións sindicais con representación no Concello de Cambados -CIG, CSIF e CCOO- amosaron publicamente a súa condena, “enérxica repulsa” e “máximo rexeitamento” á agresión sufrida por un traballador municipal, ao tempo que reclaman unha “actuación contundente” contra este tipo de actitudes.
Dende as tres centrais sindicais consideran “inaceptábel” o episodio que rematou coa agresión física ao responsábel das instalacións deportivas municipais durante o exercicio das súaas funcións. “Condenamos os feitos ocorridos o pasado día 30 de marzo nas instalacións do ximnasio do CEIP San Tomé, cando o responsábel e monitor dun club deportivo agrediu ao traballador tras ser informado do incumprimento das medidas vinculadas á concesión das instalacións durante a pandemia da covid”.
A agresión provocou o traslado do empregado a instalacións sanitarias e a presentación dunha denuncia contra o agresor ao día seguinte. “Agardamos que se proceda coa máxima contundencia contra este tipo de actuacións, máxime cando son protagonizadas polo responsábel dun club deportivo, persoa que debera formar en valores á xente moza”. Por todo isto, consideran “inadmisíbel” que esta persoa continúe con esta actividade despois de protagonizar o feito denunciado.