As centrais animan as equipas directivas a rexeitar o protocolo Covid e apoiarán a quen decida dimitir
As catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Educación remitíronlle un escrito ás direccións dos centros de ensino nas que se solidarizan coa situación de indefensión, mesmo de carácter legal, que se pode producir de implantarse un protocolo que as responsabiliza de funcións que lle corresponden á Administración ou aos servizos técnicos de prevención e sanitarios. No documento facilitan un modelo para amosar o rexeitamento ás intencións da Xunta e para reclamar o aumento de persoal docente e non docente que garanta a distancia de seguridade nos centros e diminuír así o risco de contaxio de coronavirus nas aulas
Cazolada na Consellaría
As organizacións sindicais teñen convocadas mobilizacións para este mes con cazoladas diante do complexo administrativo de San Caetano os días 22 e 28 de xullo ás 11:30 horas, ás que animan a acudir a toda a comunidade educativa, profesorado, persoal non docente, alumnado e familias porque "a saúde de todos/as e, por extensión de toda a sociedade, está en xogo con este protocolo temerario e inasumíbel organizativamente".
No escrito as catro organizacións sindicais convocantes das mobilizacións dos días 22 e 28 (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e Fete-UGT) acusan a Consellaría de Educación de elaborar o protocolo para a Covid19 de forma unilateral e de pretender comezar o curso nunha “situación de case normalidade”. Con este protocolo, advirten, o único que fai a administración é lavar as mans e trasladar a responsabilidade ao profesorado e fundamentalmente ás equipas directivas, como xa fixo durante o estado de alarma e ao final deste curso académico.
"Despois de que foran precisamente estas quen mantiveron a actividade lectiva a distancia e de forma presencial coa reincorporación dos segundos cursos de FP e Bacharelato, agora a Consellaría premia o seu esforzo e dedicación cunha sobrecarga de responsabilidades que fai inviábel o comezo do curso e inasumíbel o cumprimento de todas esas funcións", denuncian.
Pero o que consideran máis grave é que toda esa sobrecarga de traballo faise a costa de detraer tempo para o ensino e as tarefas docentes e lonxe de minimizar o risco de contaxio aínda se incrementa, ao manter as avultadas ratios por aula, con 25 crianzas en infantil e primaria ou até 30 en secundaria e bacharelato, "o que impide garantir a distancia de seguridade mínima que establecen as autoridades sanitarias do Estado e que recomenda a OMS".
Protocolos sen redución de ratios nin incremento de persoal
Tal e como estes días as propias equipas directivas lle manifestaron aos sindicatos, levar a cabo todo o que inclúe o protocolo sen a redución de ratios nin o incremento de persoal docente, non docente, de limpeza e de vixilancia do comedor fai inviábel a súa efectividade.
“Todo o plan dá resposta a un principio economicista que pretende a volta ás aulas a custe cero. Iniciar nestas condicións o curso é unha temeridade xa que non se achegan as dotacións necesarias para protexer a saúde das e dos traballadores do sector nin do alumnado e por extensión das súas familias”, reza o escrito remitido ás direccións.
CIG-Ensino alerta que este protocolo incrementa a carga burocrática inútil detraendo tempo de preparar e dar clases e de novo son as equipas directivas as que teñen que asumir funcións propias da administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario (como a redacción do plan de adaptación e do plan de continxencia do centro, a creación e coordinación do comité COVID, o subministro e control dos materiais de protección, a vixilancia das medidas de protección...).
Nel tampoco se establece unha planificación clara nin cal sería a dotación de medios no caso de necesitar activar o ensino a distancia ou o ensino semipresencial para atender á vez alumnado presencial e outro en illamento no seu domicilio, etc.
Dimisións en bloque ante posíbeis responsabilidades penais
Ante esta situación as equipas directivas están abandonadas á súa sorte e no caso de denuncias pola vía penal poden verse ante un xulgado sen saber cal sería o amparo legal que lles ofrecería a Consellería neste caso. Ante a gravidade desta situación as organización sindicais, ademais de convocar mobilizacións para o mes de xullo e de setembro, animan ás direccións a que amosen o seu rexeitamento, mediante escrito dirixido á Consellaría de Educación, ao Protocolo e declinen todas as responsabilidades nas que poidan incorrer pola aplicación do Plan de adaptación á situación Covid19 no curso 2020/21.
Así mesmo, manifestan o seu apoio, en todas as súas vertentes, a todos os equipos directivos que non estean dispostos a asumir as responsabilidades que se deriven do protocolo COVID e, polo tanto, decidan non continuar no seu cargo. No documento manifestan expresamente que “unha acción colectiva de dimisións en bloque sería oportuna neste momento”.