As novas ditaduras latinoamericanas
As actuais ditaduras latinoamericanas teñen todas a característica de presentar unha imaxe civil con aparencia de respecto aos preceptos constitucionais, mantendo un calendario electoral con pluralidade de partidos e demais trazos dun réxime democrático de acordo ás regras occidentais.
O ascenso autoritario
A radicalización reaccionaria dos gobernos de países como Paraguai, Arxentina, Brasil, México ou Honduras comeza a xerar a polémica en torno da súa caracterización.
Ningún deses réximes foi o resultado de golpes de estado militares, nos casos de Brasil, Honduras ou Paraguai a destitución dos presidentes foi realizada (parodia constitucional mediante) polo poder lexislativo en combinación máis ou menos forte cos poderes xudicial e mediático. En Brasil a Presidencia pasou a ser exercida polo vicepresidente Temer (unxido por un golpe parlamentario) cuxo nivel de aceptación popular segundo diversas enquisas roldaría apenas o 3 % dos cidadáns. En Paraguai ocorreu o mesmo, e o presidente destituído foi substituído polo vicepresidente a través dun procedemento parlamentario exprés e logo foron realizada eleccións presidenciais que consagraron a Horacio Cartes un personaxe de ultradereita claramente vinculado ao narcotráfico.
En Honduras realizáronse eleccións presidenciais en novembro 2017(1), a “Alianza de Oposición contra a Ditadura” gañara claramente pero o goberno facendo honor ao cualificativo con que o marcou a oposición consumou unha fraude escandalosa afirmando así a continuidade do ditador Juan Orlando Hernández.
Un caso ben curioso é o de Arxentina onde se realizaron en 2015 eleccións presidenciais no medio dunha enxurrada mediática, económica e xudicial sen precedentes contra o goberno e favorábel ao candidato dereitista Mauricio Macrì. O resultado foi a vitoria de Macrì por escasa marxe, o cal ao que asumiu a presidencia avanzou sobre os outros poderes do estado logrando ao pouco tempo de feito a suma do poder público. Se a esa concentración de poder lle engadimos o control dos medios de comunicación e do poder económico estamos ante unha pequena camarilla cunha capacidade de control propia dunha ditadura. Completa o panorama o comportamento cada vez máis represivo do goberno que por primeira vez desde a fin da ditadura militar en 1983 decidiu a intervención das Forzas Armadas en conflitos internos mediante a constitución dunha “forza militar de despregamento rápido” integrada por efectivos do Exército, a Mariña e a Aeronáutica e a conformación dunha forza operativa conxunta coa DEA utilizando a escusa da “loita contra o narcotráfico e o terrorismo”(2). Dese xeito Arxentina incorpórase a unha tendencia rexional imposta polos Estados Unidos de reconversión converxente das Forzas Armadas convencionais, as policías e outras estruturas de seguridade en policías-militares capaces de “controlar” as poboacións deses países. Non seguindo o vello estilo conservador-cuartelario inspirado na “doutrina de seguridade nacional” senón establecendo espazos sociais caóticos inmersos na desfeita, precisamente atravesados polo narcotráfico (promovido, manipulado desde arriba) e outras formas de criminalidade disociadora seguindo a doutrina da Guerra de Cuarta Xeración.
En México como sabemos sucédense os gobernos fraudulentos inmersos nunha crecente vaga de barbarie e en Colombia a abstención electoral tradicionalmente maioritaria chegou recentemente a preto de dous terzos do padrón electoral(3) adornada por un moi publicitado “proceso de paz” que logrou a rendición das FARC asegurando ao mesmo tempo a preservación da dinámica de saqueos, asasinatos e concentración de ingresos que caracteriza tradicionalmente ese sistema. Nestes dous casos non estamos ante algo “novo” senón fronte a réximes relativamente vellos que foron evolucionando até chegar hoxe a constituír verdadeiros exemplos exitosos de aplicación das técnicas máis avanzadas de desintegración social. A traxedia deses países mostra o futuro que agarda aos recentemente chegados ao inferno.
O panorama queda completado coas tentativas de restauración reaccionaria en Bolivia e Venezuela. No caso venezolano a intervención directa de Estados Unidos busca recuperar (recolonizar) a maior reserva petroleira do mundo en momentos en que o reinado do petrodólar (fundamento da hexemonía financeira global do Imperio) entra en devalo rápido ante o ascenso de China (o maior comprador internacional de petróleo) que busca impoñer a súa propia moeda apoiada por ouro (o petro-yuan-ouro) en alianza precisamente con Venezuela e outros xigantes do sector enerxético como Rusia e Irán.
En Bolivia o aparello de intelixencia imperial realiza unha das súas manipulacións de manual inspirada na doutrina da Guerra de Cuarta Xeración. Pon en acción os seus apéndices mediáticos locais e globais intentando despregar a histeria (neste caso racista) de franxas importantes das clases medias brancas e mestizas contra o presidente indio. Aquí non só se trata de varrer un goberno progresista senón de se apropiar das reservas de litio, as maiores do mundo (segundo distintas prospeccións Bolivia contaría con aproximadamente o 50 % das reservas de litio do planeta), peza chave na futura reconversión enerxética global.
Principais características
As actuais ditaduras teñen todas a característica de presentar unha imaxe civil con aparencia de respecto aos preceptos constitucionais, mantendo un calendario electoral con pluralidade de partidos e demais trazos dun réxime democrático de acordo ás regras occidentais. Por outra banda non estamos ante mecanismos explícitos de censura e aínda que marxinais ou en posicións moi secundarias escóitanse algunhas voces diverxentes. Os prisioneiros políticos pasan case sempre polos xulgados onde os xuíces os condenan de xeito arbitrario pero aparentando apoiarse nas normas legais vixentes. Os asasinatos de opositores son minimizados ou agochados polos medios de comunicación e quedan polo xeral envolvidos por mantos de confusión que dilúen as culpas estatais amalgamando de xeito sistemático os crimes políticos coas violencias policiais contra pobres e pequenos delincuentes sociais e represións ás protestas populares.
Esa máscara democrática, prolixamente desprolixa, resulta ser o que é: unha máscara, cando constatamos que os medios de comunicación convertidos nun instrumento de manipulación total da poboación están controlados por monopolios como o grupo Clarín en Arxentina, O Globo en Brasil ou Televisa en México, os propietarios dos cales forman parte do estreito círculo do Poder. Ou cando chegamos á conclusión de que o sistema xudicial está completamente controlado por ese círculo do que participan os principais intereses económicos (transnacionalizados) manexando a discreción o aparello policial-militar. E que en consecuencia os partidos políticos significativos, os medios de comunicación, as grandes estruturas sindicais e outros espazos de potencial expresión da sociedade civil están estratexicamente controlados (máis aló de certos descontrois tácticos) mediante un sarillo de represións, chantaxes, crimes selectivos, abusos xudiciais, bombardeos mediáticos humillante disociadores ou disciplinadores e fraude electoral máis ou menos descarada segundo o problema concreto a resolver.
O novo panorama provocou unha importante crise de percepción onde a realidade choca con principios ideolóxicos, conceptualizacións e outras compoñentes dun “sentido común” herdado do pasado. Non somos vítimas dun ríxido encadramento da poboación con pretensións totalitarias explícitas anulando toda posibilidade de disenso, buscando integrar o conxunto da sociedade nun simple esquema militar, senón ante sistemas flexíbeis, en realidade confusos, que non intentan disciplinar a todos senón máis ben desarticular, degradar a sociedade civil converténdoa nunha vítima inofensiva, atordada pola traxedia.
Non se presentan proxectos nacionais desmesurados, propios dos militares “salvadores da patria” doutros tempos ou imaxes sinistras como a de Pinochet, nin sequera discursos hiper optimistas como o dos globalistas neoliberais dos anos 1990 ou personaxes cómicos como Carlos Menem, senón presidentes sen carisma, polo xeral torpes, aburridos repetidores de frases banais preparadas polos asesores de imaxe que conforman unha rede rexional globalizada de “formadores de opinión” made in USA.
En suma, as ditaduras blindadas e triunfalistas do pasado parecen ser substituídas por ditaduras ou protoditaduras grises que ofrecen pouco e nada montadas sobre aplanadoras mediáticas embrutecedoras. Sempre por detrás (en realidade por riba) destes fenómenos están o aparello de intelixencia dos Estados Unidos e os dalgúns dos seus aliados. A CIA, a DEA, o MOSSAD, o M16 segundo os casos manipulan os ministerios de seguridade ou de defensa, os de relacións exteriores, as grandes estruturas policiais deses réximes vasalos e deseñan estratexias electorais fraudulentas e represións puntuais.
Capitalismo de desintegración
Fórxanse así articulacións complexas, sistemas de dominación onde converxen elites locais (mediáticas, políticas, empresarias, policial-militares, etc.) con aparellos externos integrantes do sistema de poder dos Estados Unidos.
Estas forzas dominan sociedades marcadas polo que podería ser cualificado como “capitalismo de desintegración” baseado no saqueo de recursos naturais e a especulación financeira, e a crecente marxinación de poboación, radicalmente diferente dos vellos capitalismos subdesenvolvidos estruturados en torno de actividades produtivas (agrarias, mineiras, industriais). Non é que nos vellos sistemas non existise o saqueo de recursos nin a delincuencia financeira, nalgúns momentos e países ocupaban o centro da escena pero no longo prazo e na meirande parte dos casos quedaban nun segundo plano. A superexplotación da man de obra e o acaparamento das ganancias produtivas aparecían como os principais obxectivos económicos directos daquelas ditaduras.
Tampouco non é certo que agora as elites dominantes se deixan de interesar polos salarios ou a propiedade da terra; pola contra desenvolven unha amplo abano de estrataxemas destinadas a reducir os salarios reais e apropiarse de territorios, xa que se nos vellos capitalismos non existía soamente produción senón tamén especulación e saqueo, nos actuais a base produtiva, en retracción a causa da pillaxe desmesurada, segue sendo unha fonte importantísima de beneficios. Porén, a súa preservación, a súa reprodución no longo prazo non está no centro das preocupacións cotiás das elites atrapadas psicoloxicamente pola dinámica parasitaria da especulación financeira e o seu contorno de negocios turbios.
Entre outras cousas porque no actual imaxinario burgués desapareceu o longo prazo, as súas operacións máis importantes están rexidas polo curto prazo lumpencapitalista. No saqueo de recursos naturais a través da megaminaría ao descuberto, da extracción de gas e petróleo de xisto ou da agricultura baseada en transxénicos, utilízanse tecnoloxías orientadas pola velocidade do ritmo financeiro ao servizo de xente que non ten tempo nin interese para se dedicar a temas tales como a saúde da poboación afectada, o equilibrio ambiental e outras áreas golpeadas polos “danos colaterais” do éxito empresario (financeirización do cambio tecnolóxico, a cultura técnica dominante como auxiliar do saqueo).
Estes capitalismos de desintegración son conducidos por elites que poden ser caracterizadas como lumpenburguesías, burguesías principalmente parasitarias, transnacionalizadas, financeirizadas, abalando entre o legal e o ilegal, crecentemente afastadas da produción. Son inestábeis non por accidentes da conxuntura senón pola súa esencia decadente. Por riba delas están as grandes potencias e as súas elites embarcadas desde hai tempo no camiño da degradación, nun planeta onde os produtos financeiros derivados representaban a fins de 2017 unhas sete veces o Produto Bruto Global, onde a débeda global total (pública máis privada) era de case tres veces o Produto Bruto Global, onde só cinco grandes bancos estadounidenses dispoñían de “activos financeiros derivados” por uns 250 billóns de dólares (13 veces o PIB dos Estados Unidos), onde sumadas as oito persoas máis ricas do mundo dispoñen dunha riqueza equivalente ao 50 % da poboación mundial (os máis pobres).
A formación e ascensión desas elites latinoamericanas son o resultado de prolongados procesos de decadencia estrutural e cultural, dun subdesenvolvemento que incluíu hai xa varias décadas compoñentes parasitarias que se foron apropiando do sistema, que o foron corroendo, envelenando, podrecendo, seguindo a lóxica sobredeterminante do capitalismo global, non de xeito mecánico senón impoñendo especificidades nacionais propias de cada dexeneración social.
Por baixo desas elites aparecen poboacións fragmentadas, con traballadores integrados desde o punto de vista das normas laborais vixentes separados dos traballadores informais, precarios. Con masas crecentes de marxinais urbanos, de pobres e indixentes estigmatizados polos medios de comunicación, desprezados por boa parte das clases integradas que se van estreitando na medida en que avanzan os procesos de concentración económica e pillaxe de riquezas.
Non se trata entón de espazos sociais estancados, segmentados de xeito estábel, senón de sociedades sometidas á reprodución ampliada da rapina elitista transnacionalizada, á sucesión interminábel de transferencias de ingresos de abaixo cara arriba e cara ao exterior, á degradación ascendente da calidade de vida das clases baixas pero tamén de porcións crecentes das camadas medias.
Algúns autores refírense ao fenómeno cualificándoo de “neoliberalismo tardío”(4), algo así como un regreso aos paradigmas ideolóxicos neoliberais que tiveron o seu auxe nos anos 1990 pero nun contexto global desfavorábel a ese retorno (ascenso do proteccionismo comercial, devalo da unipolaridade en torno dos Estados Unidos, etc.). Estariamos, daquela, fronte a unha aberración histórica, un contrasentido económico e xeopolítico protagonizado por círculos dirixentes teimudos na súa subordinación ao Imperio norteamericano, interrompendo a marcha normal, racional, progresista e despolarizante que predominaba en América Latina. As dereitas latinoamericanas estarían embarcadas nun proxecto a contramán da evolución do mundo.
Mais ocorre que o mundo non se encamiña cara a unha nova harmonía, un novo ciclo produtivo, senón cara ao profundamento dunha crise de longa duración, iniciada hai case medio século. Esta caracterízase, entre outras cousas, polo devalo tendencial das taxas de crecemento das economías capitalistas centrais tradicionais e a hipertrofia financeira (financeirización da economía global) impulsando a creba de normas, lexitimidades institucionais e equilibrios socioculturais que aseguraban a reprodución da civilización burguesa máis aló das turbulencias políticas ou económicas. A mutación parasitaria-depredadora do capitalismo ten como centro a Occidente articulado en torno do Imperio norteamericano pero envolve o conxunto da periferia e tamén afecta a potencias emerxentes como China ou Rusia moi dependentes das súas exportacións onde os mercados de Europa, Estados Unidos e Xapón cumpren un papel decisivo. Así é como a taxas de crecemento do PIB de China se veñen desacelerando e a economía rusa abala entre a recesión, o estancamento e o crecemento anémico.
Un aspecto esencial da nova situación global é o carácter abertamente devastador das dinámicas agrarias, mineiras e industriais motorizadas tanto pola potencias tradicionais como polas emerxentes, os efectos das cales deixaron de ser unha esvaída ameaza futura para se converter nunha desfeita presente que se vai amplificando ano tras ano.
Todo iso nos debería levar á conclusión de que os réximes reaccionarios de América Latina non teñen nada de tardío, de desactualizado, de deslocalización histórica senón que son a expresión da podremia radical das súas elites, da súa mutación parasitaria enlazada cun fenómeno global que as inclúe. O que nos permite descubrir non só a fraxilidade histórica, a inestabilidade desas burguesías, tan prepotentes e voraces como doentes, senón tamén as vas ilusións progresistas negadoras da realidade, que ao cualificar de tardío o lumpencapitalismo dominante márcano como anormal, anómalo, a destempo, alentando a esperanza do retorno á “normalidade” dun novo ciclo de prosperidade na rexión, máis ou menos keynesiano, máis ou menos produtivo, máis ou menos democrático, máis ou menos razoábel, nin moi dereitista nin moi esquerdista, nin tan elitista nin tan populista. O suxeito burgués dese horizonte burgués fantasioso só está na súa imaxinación, a marcha real do mundo converteuno nun habitante fantasmagórico da memoria. Mentres tanto os grandes “empresarios”, os círculos concretos de poder, participan de corpo e alma na orxía da devastación, tan desinteresados a longo prazo e a desfeita social e ambiental como na racionalidade progresista (á que consideran un atranco, un obstáculo populista ao libre funcionamento do “mercado”).
Reaccións populares e profundamento da crise
A gran incógnita é a que se refire ao futuro comportamento das grandes maiorías populares que foron afectadas tanto desde o punto de vista económico como cultural pola decadencia do sistema. As elites puideron aproveitar a desestruturación, as irracionalidades sociais xeradas por un fenómeno perverso que atravesou tanto as etapas dereitistas como as progresistas. Durante os períodos de gobernos de dereita civís ou militares promovendo e garantindo privilexios e abusos de todo tipo, afirmando un “sentido común” egoísta, disociador, subestimador de identidades culturais solidarias. Mais cando chegaron as experiencias progresistas esas elites utilizaron a degradación social existente, a fragmentación neoliberal herdada (enlazada nalgúns casos con tradicións de marxinación moi enraizadas) impulsando irrupcións racistas, neofascistas das camadas medias estendidas ás veces até espazos medio-baixos onde se mesturan o pequeno comerciante co asalariado integrado (en consecuencia por riba do marxinado, do precario).
Vimos así en Brasil, Arxentina, Bolivia ou Venezuela mobilizacións histéricas de clases medias urbanas neofascistas esixindo as cabezas dos gobernantes “populistas”, manipuladas polos medios de comunicación e os poderes económicos que o progresismo respectara como parte da súa pertenza ao sistema (admitida abertamente, silenciada ou negada de xeito superficial ou insuficiente).
Agora as chamadas restauracións conservadoras ou dereitistas non están restaurando o pasado neoliberal senón instaurando esquemas de devastación nunca antes vistos. Puideron triunfar grazas ás limitacións e baleiramentos de progresismos acurralados polas crises de sistemas que eles pretendían mellorar, reformar ou nalgúns casos superar de xeito indoloro, gradual, “civilizado”.
Mais as crises nacionais non se deteñen, pola contra son incentivadas polos comportamentos saqueadores das dereitas gobernantes que seguen practicando as súas tácticas disociadoras, de embrutecemento colectivo, buscando xerar odio social cara aos pobres. Os medios de comunicación traballan plenamente con eses obxectivos e como o declinio económico avanza empurrado polas políticas oficiais e pola marcha da crise global, as manipulacións mediáticas comezan a demostrarse impotentes ante a marea ascendente de protestas populares. A virtualidade do marketing neofascista comeza a ser superado pola materialidade das penurias non só dos pobres senón tamén de camadas medias que se van empobrecendo. Males materiais que ao amplificarse abren a porta á rebeldía dos que nunca foron enganados e dos que foron engaiolados. É así como en Brasil o repudio popular ao goberno de Temer é abafador ou en Arxentina a imaxe edulcorada de Macri se vai diluíndo velozmente mentres se estenden as protestas populares.
A represión, a militarización dos gobernos de dereita aparece entón como alternativa de gobernabilidade, as dinámicas ditatoriais deses réximes van xerando dispositivos policial-militares coa esperanza de controlar os de abaixo, van funcionando con cada vez maior intensidade os mecanismos de “cooperación hemisférica”: operacións conxuntas coa DEA, subministración de armamento e capacitación para o control de protestas sociais, multiplicación de estruturas represivas nacionais e rexionais controladas desde os Estados Unidos.
Trátase dun combate con final aberto entre forzas sociais que buscan sobrevivir e que ao facelo poden chegar a xerar amplos movementos de rexeneración nacional, radicalmente antisistémicos e elites degradadas e inestábeis, dependentes do amo imperial (que se reserva o dereito á intervención directa, se as circunstancias o requiren e permiten), animadas por un nihilismo portador de pulsións tanáticas.
_______________________________________________________________________
Notas:
(1) Hugo Noé Pino, “Cronología del fraude electoral en Honduras”, Criterio.hn. decembro 8 de 2017 https://criterio.hn/2017/12/08/cronologia-del-fraude-electoral-honduras/
(2) Manuel Gaggero, “Argentina. La historia se repite… como tragedia”, http://www.resumenlatinoamericano.org/2018/02/11/argentina-la-historia-se-repitecomo-tragedia/
(3) Ana Patricia Torres Espinosa, “Abstención electoral en Colombia. Desafección política, violencia política y conflicto armado”, Cuadernos de Investigación, Universidad Complutense de Madrid, Facultad de Ciencias Políticas y Sociología, http://politicasysociologia.ucm.es/data/cont/docs/21-2016-12-21-
CI12_W_Ana%20Patricia%20Torres.pdf
Miguel García Sanchez, “Sobre la baja participación electoral en Colombia”, Semana, 2016-10-18, http://www.semana.com/opinion/articulo/miguel-garcia-sanchez-sobre-la-baja-participacion-electoral-decolombia/499388
(4) “El neoliberalismo tardío. Teoría y praxis. Documento de Trabajo nº 5”, Daniel García Delgado y Agustina Gradin (compiladores), FLACSO, Arxentina 2017.
_______________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 16 de marzo de 2018]