As xubiladas e pensionistas galegas cobran 677€ de media cando a pensión media no Estado é de 1.017€
O colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG mobilizouse esta mañá nas sete cidades galegas e Cangas en demanda de que se equipare a contía da pensión mínima ao SMI; un servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e o aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias, entre outras.
O colectivo denuncia que, segundo os últimos datos, a pensión media galega é de 865,94€ mentres que a pensión media no Estado é de 1.017,97€ o que sitúa a Galiza no posto 19 das 20 comunidades do estado español, só por diante de Estremadura.
A situación é aínda máis grave para as mulleres. No ano 2019 as súas pensións foron un 35% inferiores ás dos homes, con 677,73€ de media as mulleres pensionistas, fronte os 1.042, 91€ mensuais que cobraron os homes.
Estes datos xa xustificarían, para o colectivo, as mobilizacións. Porén nas súas demandas van máis alá. Exixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e entenden tamén que tan só depende de que haxa vontade política.
Denuncian ademais que non se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.
O colectivo está pendente ademais dos contidos da anunciada reforma das pensións que, todo parece indicar que consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
Servizo Público de Atención ás Persoas
No que ten que ver coa atención ás persoas, a CIG demanda que se incrementen os orzamentos destinados á atención á dependencia e se aumenten as prazas públicas de centros de día e residencias, ao tempo que denuncia que miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida.
Lembran que só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para a CIG é inadmisíbel nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. A isto hai que engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, unicamente hai tres prazas por cada 100 maiores de 65 anos”.
Por iso aposta por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todos/as os galegos/as vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, coas pensións das máis baixas do Estado.
Para conseguilo a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a que xa botou a andar a recollida de sinaturas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades do país para sumar os máximos apoios para esta iniciativa.