As mobilizacións por unhas condicións laborais dignas en Froiz chegan até Ferrol
As reivindicacións claras e altas berradas en cada consigna polo megáfono: cumprimento da lexislación laboral e materia de horarios, descansos, vacacións, calendarios laborais e conciliación. “Non se respecta o tempo de descanso legal estipulado no sector (día e medio) e os horarios organízanse de semana en semana”, denunciaron dende a Sección Sindical da CIG.
Ademais, engaden, a maioría do cadro de persoal de Froiz excede sistematicamente o límite legal de horas de traballo, superando as 40 horas semanais. Unha situación que afecta tamén ao persoal contratado a tempo parcial.
Estes incumprimentos dificultan gravemente a conciliación da vida familiar e laboral do persoal, maiormente composto por mulleres, que en moitas ocasións “nin sequera teñen a opción a escoller os seus períodos de vacacións”.
A CIG non tiña antes representación no comité pero a principios de ano obtivo 4 delegados/as. Xa na primeira reunión as e os representes do sindicato transmitiron á empresa esta problemática e demandaron solucións inmediatas. “A resposta da empresa foi que levabamos moitos puntos a tratar e que xa se abordarían nunha próxima reunión que, en todo caso, se celebraría cando Distribuciones Froiz así o decidira e non cando o demandara a sección sindical”, sinala Lucía Freire, delegada a CIG.
A esta altura aínda non houbo ningunha outra xuntanza, por iso a CIG acordou pór en marcha un calendario de mobilizacións para denunciar publicamente a precariedade laboral e os abusos aos que está sometido o persoal.