As mobilizacións en defensa do emprego e da actividade produtiva en Alcoa estenderase aos concellos da Mariña
Este mércores houbo reunión do comité de Alcoa San Cibrao cos alcaldes dos concellos da comarca na que se acordou ampliar as mobilizacións que o persoal está a realizar todos os venres, aos diferentes municipios co obxectivo "de implicar a toda a cidadanía na defensa do seu motor económico".
Deste xeito, as protestas -que terán periodicidade quincenal- realizaranse en mércores alternos de 20:30 a 21:00 horas, baixo o lema "Peches non- Enerxía solución. Por un futuro para a Mariña". A primeira concentración será o vindeiro 9 de outubro na Praza do concello de Xove por ser o máis directamente implicado. Nesa mobilización anunciarase o lugar da seguinte convocatoria.
Así mesmo, na xuntanza acordouse solicitar do comercio local do concello no que se realice a concentración, que pechen as súas portas durante esa media hora e se sumen á reivindicación, na idea de visibilizar o impacto que ten na comarca a actividade da fábrica de Alcoa.
O comité lembra que o próximo venres, día 4, os traballadores e as traballadoras desenvolverán a cuarta concentración (dentro do calendario aprobado) mais desta volta non será na rotonda do Castelo, senón diante da entrada do complexo industrial entre ás 14:00 e ás 14:30 horas, coincidindo coa saída das quendas de mañá e xornada normal.