As médicas e médicos das urxencias hospitalarias galegas convocan unha nova concentración o luns 9

As protestas desenvolveranse na Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra, ás 12:00 horas
Nacional - 07 Feb 2026

As médicas e médicos dos servizos de urxencias hospitalarias do SERGAS convocan novas concentración o luns 9 de febreiro, ás 12:00 horas, nas portas das urxencias dos hospitais públicos de Galiza, para continuar esixindo melloras nas súas condicións de traballo. Está confirmado que haberá protestas no Hospital Universitario da Coruña, no Clínico de Santiago, no Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Montecelo de Pontevedra.

Estas mobilizacións responden á situación de sobrecarga estrutural, falta de recoñecemento profesional e ausencia de medidas eficaces para garantir unhas condicións laborais dignas, unha realidade que afecta tanto ao persoal como á calidade da atención á poboación. As concentracións, en réxime de autoconvocatoria, contan co apoio e soporte da CIG-Saúde.

As médicas e médicos de urxencias lembran que levan tempo reclamando solucións concretas en materia de xornada, descansos, retribucións e dimensionamento dos cadros de persoal, sen que até o momento o SERGAS teña presentado propostas que dean resposta ás demandas do colectivo.

CIG-Saúde pide abordar as condicións de traballo na Mesa Sectorial do día 10

Neste contexto, desde CIG-Saúde sinalan que o SERGAS inclúe un punto na orde do día da Mesa Sectorial de Sanidade do vindeiro día 10 de febreiro, a petición da propia CIG-Saúde, no que se agarda que se aborden as condicións de traballo das médicas e médicos de urxencias hospitalarias. O colectivo e a organización sindical agardan que esta reunión supoña avances reais, con propostas concretas de mellora.

As médicas e médicos de urxencias advirten de que, no caso de que o SERGAS non presente medidas efectivas, non se descartan novas mobilizacións para continuar defendendo unhas condicións laborais dignas e unha sanidade pública de calidade.