As loitas sociais rexorden en Europa: eliximos o armamento ou o benestar social?

Marc Vandepitte - 13 Abr 2023

O servilismo europeo a Washington non só ten (perigosas) consecuencias xeopolíticas, senón tamén sociais. Aceptar un maior gasto en armamento significa sacrificar indubidabelmente o gasto social e o benestar

 Os países onde a xente está a saír á rúa para se manifestar contra o aumento dos gastos, a atención sanitaria insuficiente, o atraso da idade de xubilación, etc., son os mesmos que gastarán moito máis en armamento no futuro. Non é casualidade, xa que un maior gasto en armamento significa sacrificar gastos sociais e de benestar. Xa é hora de facer fronte a esta contradición.

Carraxe e axitación

 As últimas semanas foron especialmente inestábeis en varios países europeos. O enfrontamento entre amplos sectores da poboación e o goberno é patente.

 O 15 de marzo os traballadores en folga pararon Londres. Máis de 40.000 persoas traballadoras saíron á rúa. Un mes antes Gran Bretaña tamén se viu envolta nunha vaga de protestas. A mediados de febreiro houbo manifestacións en máis de 40 cidades.

 Do mesmo xeito que en marzo, os manifestantes descargaron a súa carraxe contra o aumento do custo da vida, que está a sumir na pobreza a millóns de persoas traballadoras. Nas pancartas podíase ler: «Conxelar a factura enerxética», «Que paguen impostos os ricos» e «Non imos pagar a crise».

 A principios de febreiro máis de medio millón de británicos xa fixera folga en departamentos gobernamentais e empresas. A actual vaga de descontento social comezou o verán pasado. Baixo o lema «Xa abonda» (Enough is enough), movementos sociais e sindicatos deron en unirse nunha fronte contra as políticas antisociais do goberno británico.

 Francia está a bulir desde o 19 de xaneiro polo ataque de presidente Macron ás xubilacións. Desde aquela, diversos sectores están a realizar paros, están a organizarse cortes de estrada e xa se celebraron 11 xornadas de mobilización. En todas esas accións centos de miles de persoas saíron á rúa en ducias de cidades.

 Cando Macron deixou fóra o Parlamento o 16 de marzo para aprobar o seu proxecto de lei de pensións, abriuse a comporta. En varias cidades producíronse disturbios espontáneos. Aprobouse a lei f, pero os disturbios non terminaron. Sorprendentemente, non só as persoas traballadoras, senón tamén moita xente nova sae á rúa para se opor á lei.

 Alemaña tampouco escapa aos disturbios. A finais de marzo produciuse unha folga –unha das peores en décadas– no sector do transporte. Provocou enormes trastornos nos aeroportos, o transporte público e os maiores portos do país.

 En Alemaña os salarios non se axustan automaticamente ao índice dos prezos de consumo. Dada a elevada inflación do ano pasado, os traballadores piden un aumento salarial de 650 euros, mentres que os empresarios só queren dar 92 euros.

 A mediados de marzo os traballadores da saúde alemá fixeron un paro de 48 horas. Ademais dun aumento salarial, opóñennse aos plans de recortar camas hospitalarias e postos de traballo. Son medidas que forman parte dun ataque máis amplo contra a saúde pública.

 En Grecia o detonante dos disturbios foi o tráxico accidente ferroviario de Tempe. Gregos de todas as idades e procedencias levan semanas participando en manifestacións multitudinarias por todo o país. Esta pode ser a maior revolta desde os disturbios contra as medidas de austeridade de 2010.

 A carraxe diríxese contra unha elite política corrupta cuxo historial de austeridade e privatización considérase, xustamente, responsábel da morte de 57 persoas.

Non hai diñeiro?

 O desencadenamento do malestar social varía dun país a outro, mais a causa é esencialmente a mesma. Cada un destes gobernos ten uns plans de austeridade que laminan os servizos públicos e benefician a capa superior rica mentres deixa as persoas traballadoras empobrecidas e traballando máis tempo. Nalgúns casos isto provoca vítimas mortais, xa sexa pola erosión dos sistemas de seguridade (en Grecia) ou polo atraso das ambulancias (en Gran Bretaña).

 Estes gobernos teñen aínda máis en común. Teñen unha reserva de diñeiro aparentemente moi grande que están a gastar nunha nova carreira armamentística.

 Gran Bretaña gasta bastante máis en gastos militares que os seus veciños(1). Porén, o Goberno británico decidiu conceder ao exército 11.000 millóns de libras (12.500 millóns de euros) adicionais, mentres que para o persoal de enfermaría, o profesorado ou o funcionariado non hai diñeiro.

 O goberno francés afirma que as xubilacións son impagábeis, pero en xaneiro anunciou de paso que aumentaría máis dun terzo o orzamento de defensa nos próximos anos, é dicir, cinco veces máis que os sacrificios que se requiren para pagar as xubilacións(2).

 Debido aos elevados custos enerxéticos, os hospitais alemáns enfróntanse a déficits financeiros. Como consecuencia, terán que reducir o persoal e aprazaranse operacións xa planificadas. Aparentemente o goberno alemán é incapaz de intervir e tapar un buraco de 9.000 millóns de euros, pero si anunciou que destinará 100.000 millóns de euros máis ás forzas armadas nos vindeiros anos.

 O Goberno grego, que supostamente non se pode permitir manter unha rede de transporte segura, aumentou o gasto militar en máis de 60% desde 2019. A pobre Grecia xa paga proporcionalmente case tres veces máis en gastos militares que o resto de Europa(3).

Cuestión fundamental da democracia

 Unha cuestión central da democracia é en que gasta o seu diñeiro un goberno. Deixa claro cales son as prioridades e as súas opcións sociais. Gastamos máis diñeiro en sanidade, benestar ou educación ou, pola contra, destinamos máis diñeiro á militarización e o armamento?

 E, se gastamos máis en armamento, crearemos un mundo máis seguro? Os anos de concentración militar da OTAN nas fronteiras rusas impediron ou provocaron a terríbel guerra de Ucraína? Achegará algo á paz a actual carreira armamentística en Europa, incluído o fornecemento de armas a Ucraína? Ou, como sostén o profesor Tom Sauer, necesitamos, en troca, unha arquitectura de seguridade equilibrada que coopere con Rusia en pé de igualdade? Converterase o mundo nun lugar máis seguro enviando buques de guerra franceses, holandeses, alemáns e británicos fronte ás costas chinesas ou sitúanos innecesariamente na liña de fogo se Estados Unidos decide iniciar unha guerra no Pacífico?

 Seguen chegando os chamamentos a unha paz negociada en Ucraína desde Brasil, A India e China, mentres o Occidente segue boicoteando as negociacións de paz. Non demostra isto que o bando da OTAN está en desacordo coa opinión mundial?

 Estados Unidos é un imperio en relativa decadencia e aparentemente está disposto a iniciar unha guerra mundial con tal de manter a súa supremacía. É prudente que Europa se suba a ese tren de guerra? Non é urxente elaborar unha política exterior propia e independente?

 Iso daríanos opcións en materia de comercio, cooperación internacional e tamén de gasto que actualmente se nos negan, porque o noso servilismo a Washington non só ten (perigosas) consecuencias xeopolíticas, senón tamén sociais. Aceptar un maior gasto en armamento significa sacrificar indubidabelmente o gasto social e o benestar.

 É esa a elección que queremos facer? Corresponde aos sindicatos e ás organizacións da sociedade civil reflexionar detidamente respecto diso e facer ouvir a súa voz nese importante debate.

_____________________________________________________________________________

Notas:

(1) Gran Bretaña dedica o 2,25% do seu PIB a gastos militares. En Francia é o 1,9%, nos Países Baixos o 1,45%, en Alemaña o 1,5% e en Bélxica o 1,1%.

(2) O aumento do orzamento militar ascende a 100.000 millóns de euros. Aumentar en dous anos a idade de xubilación permitiría recadar 18.000 millóns de euros.

(3) Grecia gasta o 3,59% do seu PIB en gastos militares. A media na Unión Europa é de 1,3%.

_____________________________________________________________________________

Fonte: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2023/03/30/sociale-strijd-in-europa-wakkert-aan-kiezen-we-voor-bewapening-of-voor-sociaal-welzijn/

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 7 de abril de 2023]