As loitas de 1972 foron inicio do recuar do PCE e do ascenso do nacionalismo galego
O Dez de Marzo, o ano 1972, reflicte o papel da clase traballadora na historia da nación galega e moi especialmente na loita contra a ditadura. Tamén representa unha conxuntura histórica, na que comeza unha tendencia ascendente do nacionalismo, non exenta dalgún retroceso conxuntural, mais sempre intentando manter a iniciativa, a combatividade, os principios e obxectivos
O ano 1972 é unha data moi significada para a clase obreira e o pobo galego no seu conxunto. A dura represión contra os traballadores da Bazán, que reivindicaban un mellor convenio, deixou o dez de marzo en Ferrol dous mortos e ducias de feridos. Houbo contestación unha forte solidariedade da clase traballadora na bisbarra e outras zonas de Galiza, especialmente en Vigo (e en Compostela do estudantado). A resposta do réxime foi unha morea de detidos e xulgados, e preto de douscentos despedimentos.
En maio e setembro os paros e as mobilizacións masivas déronse en Vigo, tendo como centro Barreras e Citroën, estendéndose en ambos os casos a outras empresas da cidade por solidariedade. Mais, sen dúbida foi a folga xeral de setembro, que durou dúas semanas, a que marcou o punto máis alto da loita da clase obreira galega contra a ditadura en Galiza. Máis unha vez a resposta do réxime foi o despedimento de milleiros de traballadores e traballadoras, que se concretou nuns centos, non poucos emigrarían e outros pasarían á clandestinidade; ademais houbo detencións, condenas e numerosas multas.
Porén, malia a dureza da represión, en pouco tempo colleron pulo as mobilizacións e paros esixindo melloras laborais e dereitos democráticos, reivindicacións que se estenderon ao mundo rural e o estudantado. Esta nova etapa coincide, non casualmente, coa creación por parte da Unión do Pobo Galego das organizacións de masas en todos os ámbitos: sindical, estudantil, agrario, cultural, etc. En decembro de 1972 fundouse Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), na primavera de 1973 a Fronte Obreira, en xaneiro de 1974 xurdían os xermolos sindicais.
Coas folgas de 1972 terminou un período histórico no movemento obreiro galego. Una etapa que destacou polas loitas por mellorar as condicións laborais, e na que medrou a organización clandestina dentro do propio sindicato vertical dos sectores descontentes coa situación. A protesta dos labregos e labregas, á que se sumaron intelectuais, pola construción do encoro de Castrelo de Miño, asolagando aldeas e terras de labranza en 1966, as folgas estudantís de Compostela en 1968 e os paros laborais perante toda esta década, fortaleceron a oposición ao réxime, que capitalizou en boa medida o PCE. Mais a dura represión cos obreiros de Ferrol, durante os sucesos de marzo, e despois a folga xeral de Vigo en setembro, amosaron as limitacións da estratexia e dos métodos de traballo político do Partido Comunista de España.
A dura represión exercida pola ditadura reflectía a debilidade do réxime, mais tamén deixou en evidencia que o movemento obreiro non estaba preparado para esta resposta. Na práctica foi un mazazo contra a política do “pacto pola liberdade” alentado polo PCE cos chamados “sectores aperturistas” da ditadura, para garantir unha transición pacífica á democracia. Sobre esta hipótese foise construíndo unha estrutura que amosou non servir para facer fronte ás agresións do réxime. Daquela que unha parte das mocidades deste partido en Vigo e outros lugares de Galiza cuestionase a estratexia e a folla de ruta, así como a falta de compromiso coa cuestión nacional galega. Polo que naceu en 1971 dunha escisión en Vigo o partido Organización Marxista-Leninista de Galiza (OM-LG) e no eido sindical Organización Obreira (OO), que cobrou forza nas accións de solidariedade de marzo coa Bazán, en maio cos paros de Vigo e en setembro coa folga xeral comarcal nesta cidade.
A represión, os erros, as diverxencias internas, non permitiron que a OM-LG e OO callasen, polo que duraron moi pouco tempo. Ao final, un sector incorporouse ao nacionalismo, outro retornou ao PCE e outro integrouse no ultraesquerdismo do PCE(r). Para a Fronte Obreira da UPG, especialmente en Vigo, os cadros que proviñan de OO foron fundamentais. Quero lembrar especialmente a Xosé Anxo García Méndez, coñecido entre os activistas por “Felipe”, que foi secretario da OM-LG; e que, polas mobilizacións de marzo en Vigo en solidariedade con Ferrol, estaba en prisión perante a folga xeral de setembro. El foi o primeiro nome que se barallou como secretario xeral da Intersindical Nacional Galega (ING). Convén lembrar que nos conflitos de 1972 Vigo pasou a ser a cidade de referencia da loita obreira no país, por mor da gran extensión da solidariedade con Ferrol en Marzo, polos paros de maio en solidariedade con Barreras e da folga xeral de setembro deste ano, que durou 15 días, con até 27.000 traballadores/as en paro nos momentos máis álxidos.
O cuestionamento da hexemonía do PCE e CCOO nesta cidade e na comarca tiña polo tanto moita transcendencia, como se puido comprobar posteriormente. Ademais, Vigo e bisbarra xa era daquela o primeiro núcleo industrial do país, con sectores básicos moi combativos: metal, conserva, louza e vidro, construción..., aínda que se lle deben engadir empresas doutras actividades na primeira liña de conflito, como Dresslok do téxtil, Reyman de químicas...
De vagar, a loita sindical foise recuperando despois da morea de despedimentos, detidos, xulgados e fuxidos pola dura represión da ditadura no ano 1972. Existían outros sindicatos, como USO, mais estaba moi localizado e ligado ao cristianismo social; e a UGT non tiña actividade sindical, na práctica non existía. Neste contexto xurdiu con moita iniciativa o sindicalismo nacionalista, xa que en maio de 1975 se fundou o Sindicato Obreiro Galego (SOG), e algo antes a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). Claro que era unha organización moi pequena en comparanza coas Comisións Obreiras e con moi pouca introdución nas grandes empresas. Coido que a estes últimos non lles preocupou gran cousa, máxime cando a meirande parte destas novas loitas nas empresas, nos anos 1975 e 1976, estaban dirixidas por eles. Entón: por que mudou en tan pouco tempo a correlación de forzas e o nacionalismo se converteu nunha alternativa?
Este cambio debeuse aos seguintes factores:
- a) O PCE, e por extensión CCOO, non daba ningunha importancia ao tema nacional galego, malia que formalmente recoñecese Galiza como unha nación, logo na práctica toda a súa estratexia estaba supeditada aos organismos estatais, reproducindo o centralismo do partido e do sistema imperante. Abonda con ollar os seus voceiros da época, onde algo tan evidente como a lingua galega ten un papel secundario, e en moitos artigos fica reducida ao título. O idioma galego, malia ser a lingua das clases populares, só tiña protagonismo nos militantes e achegados relacionados coa cultura. No nacionalismo tanto a autoorganización, como todo o relativo á nación galega era prioritario, polo que a relación coas clases populares, especialmente as do rural e dos barrios obreiros, era máis doada ou cando menos carecía destas contradicións. Naquel intre aumentaran moito os/as traballadores “simbióticos” ou sexa que vivían no rural e se incorporaron ao mundo obreiro, na construción, no transporte, mais tamén noutras actividades. A negociación dos convenios sectoriais á marxe do vertical, e o doado que era a ligazón para a mocidade nacionalista cos simbióticos, a capacidade iniciativa e o carácter combativo, axudou a unha rápida expansión do sindicalismo nacionalista.
- b) A UPG, a partir das folgas de 1972, e sobre todo coa creación de ERGA, deixou atrás a súa etapa “alxeriana” para propoñer un proxecto máis da clase traballadora, con base nun partido comunista, e unha política de fronte para a liberación nacional e realizou un traballo inxente para crear organizacións de masas en todos os sectores. Ademais o PCE ficou á dereita do nacionalismo galego representado pola UPG, xa que esta defendía a proposta da ruptura, cun programa avanzado no social e unha confederación no territorial, mentres que o PCE e boa parte da esquerda estatal propuña un acordo cos sectores “moderados” da ditadura para a transición democrática. O último paso deste camiño foi o Pacto da Moncloa, acordo no que o PCE e o PSOE sacrificaron a clase obreira como protagonista do cambio, ademais de facerlle pagar o custo de crise económica, con topes salariais fronte a unha inflación desbocada.
- c) O nacionalismo anticolonial estaba integrado sobre todo por mocidade, que bebía da historia e realidade do país, e utilizaba sen dogmatismo a experiencia revolucionaria do movemento obreiro internacional e dos procesos de liberación nacional (Marx, Engels, Lenin, Mao, Fanon, etc.). A célula era un lugar de debate da práctica concreta, e unha escola de militantes, onde o reducido do número de persoas nas xuntanzas permitía que rachasen cos medos e tivesen voz e participación activa. Cunha forte formación política era posíbel unha oposición frontal ao réxime, ao sistema e á colonización, combater as ideas trabucadas que sementaban outros partidos da oposición, comprender as eivas e atrancos das clases populares, sen paternalismos e realizando tarefas practicas e teóricas para aumentar o grao de conciencia. O activismo cultural púxose ao servizo deste obxectivo de transformación social e nacional.
Malia que o PCE e CCOO seguiron tendo unha forte presenza durante toda a década seguinte a 1972, a iniciativa estivo sempre no nacionalismo anticolonial en Galiza, como amosa o crecemento do sindicalismo obreiro e labrego soberanista, a hexemonía no ámbito estudantil e a expansión de todo o relacionado coa cultura nacional. Mais este avance non estará exento de contradicións e rectificacións nalgúns ámbitos, como se amosa coa desaparición da AN-PG e o nacemento en Riazor do Bloque Nacionalista Galego. Agora ben, para alén das reconfiguracións organizativas e rectificacións políticas, o que permitiu seguir acumulando foi a claridade nos obxectivos, a vontade militante e sempre ter en primeiro plano a procura da complicidade e do protagonismo das clases populares, que, lembremos, esta constituída nun 80% pola clase traballadora.
O Dez de Marzo, o ano 1972, reflicte o papel da clase traballadora na historia da nación galega e moi especialmente na loita contra a ditadura. Tamén representa unha conxuntura histórica, na que comeza unha tendencia ascendente do nacionalismo, non exenta dalgún retroceso conxuntural, mais sempre intentando manter a iniciativa, a combatividade, os principios e obxectivos. Un exemplo disto é a CIG que hoxe é a central con maior representatividade sindical, en número de afiliados e afiliadas, e en capacidade mobilizadora.
[Galiza, 3 de marzo de 2022]
https://obloguedemera.wordpress.com/