As guerras do terceiro milenio
Os que van pagar as consecuencias da crise, en termos de aumento dos prezos dos alimentos e servizos, da conseguinte depreciación dos salarios e a perda de traballo, serán, como sempre, os sectores populares, comezando polos pobos do sur, obxecto, ao seu pesar, do lucrativo negocio da «axuda humanitaria» e a «reconstrución de posguerra».
Neste xuño de cimeiras (sobre todo, cimeiras dos poderosos), tamén tivo lugar o Club Bilderberg 2022. Do 2 ao 5, no segredo habitual, atopáronse en Washington os principais decisores, os que moven as pancas do mundo globalizado: comandos da CIA, da OTAN, da política, das finanzas, da industria, a academia, o xornalismo... Xúntanse todos os anos desde 1954, cando o multimillonario norteamericano David Rockefeller fundou o club da élite mundial.
Este ano tamén estivo presente o exsecretario de Estado Henry Kissinger, criminal de guerra e «Premio Nobel da Paz», aínda no allo aos 99 anos de idade. Como experto en “legitimacy”, a teoría do realismo na lexitimación, baseada na procura do beneficio pola hexemonía e non nos principios e na moralidade, Kissinger xa no Foro de Davos dixo que sería un erro «querer humillar a Putin» no conflito en Ucraína. Os europeos cometerían un «erro fatal» ao perder relacións con Moscova e permitirlle estabelecer ligazóns cada vez máis sólidas con China.
Os temas discutidos polo Club, comunicados á prensa, reflicten as preocupacións da burguesía mundial polos seus negocios no contexto do conflito en Ucraína e os escenarios que abre. A «perturbación do sistema financeiro global», a «desglobalización», os «desafíos da OTAN», foron algúns temas do debate. Para os argalleiros norteamericanos, trátase de entender en que terminos seguir explotando o «truco» en que se basea o proceso de «colonización financeira» posto en marcha por Estados Unidos a partir do 15 de agosto de 1971, co fin dos Acordos de Bretton Woods.
O Informe de Perspectivas Económicas Globais do Banco Mundial predí os próximos dous anos de crecemento global “próximo a cero” e unha década de “crecemento modesto debido ao débil investimento na meirande parte do mundo”, e o aumento dos prezos. Sinala que a situación lembra a década de 1970, a época das dúas crises do petróleo, de 1973 e 1979, e a conseguinte desaceleración do crecemento e aumento dos prezos.
Condicións hoxe agravadas polas consecuencias da pandemia e o conflito en Ucraína, o que provocou o aumento dos prezos dalgunhas materias primas e alimentou a inflación. A ameaza da estanflación global -unha mestura simultánea de altos niveis de inflación e recesión- podería ter efectos particularmente severos no sur global, onde o ingreso per capita este 2022 se mantén case un 5% por baixo dos niveis previos á pandemia, di o Banco Mundial.
A inflación persistente, advirte o Informe, aumenta as posibilidades de que a Reserva Federal e outros bancos centrais eleven drasticamente as taxas de xuros para arrefriar a demanda, como aconteceu a fins da década de 1970, pero iso podería conducir a unha crise global «máis punitiva» e crises financeiras nalgúns mercados emerxentes.
O Banco Central Europeo tamén está intentando frear a inflación catro veces por riba do límite fixado, aumentando as taxas de xuros, pero tratando de non «traumatizar» os investidores en bonos como sucedeu en xullo de 2011 coa crise da débeda periférica e a deflación en Europa. Os que, abofé, quedarán «traumatizados» serán os sectores populares, mais aos banqueiros tanto lles ten. Ao contrario, descargarán as poucas subas que terán que soportar nas hipotecas para a compra das casas dos traballadores.
Na complexidade do mundo globalizado, e á luz dos cambios no modo de produción, desencadeados polos desenvolvementos tecnolóxicos e da información, as guerras económico-financeiras do terceiro milenio cos seus correlatos conflitos armados, polo que se refire aos EUA teñen que ver coa defensa da hexemonía do dólar e a competencia co euro, e co xurdimento dun sistema descentralizado e multipolar, hoxe favorecido pola mesma innovación tecnolóxica até o de agora controlada por eles.
Pode ser útil centrarse no proceso de desenvolvemento da hexemonía do dólar tras o final dos acordos de Bretton Wood, a depreciación de xigantescas cantidades de billetes verdes que se lanzaron a circular no planeta e o dominio dos monopolios que, ademais de debilitar a potencialidade produtiva das nacións, provocaban un encarecemento dos prezos segundo a súa propia ganancia.
Desde aquela, desde que Washington aboliu o papel que xogaba o ouro nos intercambios comerciais, substituíndoo polo crédito puro (papel moeda ou billete), Nixon e a Reserva Federal aseguraron unha posición sólida ao dólar atándoo ao petróleo, conseguindo que regulase todas as transaccións: primeiro con Arabia Saudita, logo co resto do mundo. Desde entón, pilotaron cambios na economía, no contexto da gran división industrial do traballo a nivel mundial, facendo da globalización do dólar a esencia da globalización económica.
Un sistema no que os EUA producen billetes verdes e o resto do mundo produce os bens que se intercambiarán con eses billetes. A guerra en Vietnam foi financiada pola impresión de diñeiro inorgánico para cubrir un déficit fiscal en aumento, que seguiu sendo unha característica constante dos Estados Unidos. Entrementres, íanse esgotando as políticas económicas keynesianas, aplicadas nas dúas décadas do boom de crecemento. O ciclo expansivo esgotouse, con graves consecuencias para os niveis de produción e de emprego, sen que as políticas tradicionais antinflacionarias puidesen conter a inflación.
A economía real norteamericana mudouse paulatinamente fóra do país, naquelas zonas do sur onde é posíbel lograr unha alta explotación do traballo vivo, polo tanto, uns altos beneficios, e a industria nacional perdeu vigor. Exportar dólares implica importar unha gran cantidade de produtos doutros países e manter así un déficit en conta corrente. Deste xeito, ciclicamente, os Estados Unidos puideron baixar ou subir as taxas de xuros como grandes compuertas de auga, asestando golpes fatais a quen se beneficiou da anterior «inundación» de billetes verdes. Con todo, tal modelo de supervivencia nacional implica ter sempre un superávit, para evitar o déficit na conta de capital.
Cunha taxa de aforro case inexistente, para manter o seu estilo de vida e o «status» de superpotencia, necesitan un fluxo neto diario xigantesco, e polo tanto ter sempre un superávit de conta de capital. O capital exportado ao resto do mundo debe ter entón un retorno, co fin de proporcionar novamente o diñeiro para comprar produtos globais. Se se miran as guerras libradas polos gobernos estadounidenses nos últimos vinte anos, pódese ver como foron deseñadas para este propósito: porque se o capital non regresa, os bancos deben seguir imprimindo diñeiro e o dólar devaluarase.
Así, por unha banda, o goberno dos EUA doa dólares a través das súas propias institucións internacionais, mentres que pola outra recupera os que antes espallou a través de bonos do Tesouro. E como asegurar que o capital regrese? En parte, ofrecendo puntos fortes de crecemento económico, impulsados pola innovación tecnolóxica (ante, o intento de reindustrialización de Obama e despois de Trump, agora a “transición verde” de Biden): un intento moi parcial, considerando a crise estrutural do modelo capitalista e o nivel alcanzado pola economía virtual.
E xa que logo, volve o mecanismo colonial consolidado ao longo de todos estes anos, sendo o complexo militar-industrial un motor voraz de todo o esquema: é necesario crear crise e conflitos, mesmo armados, en áreas competidoras, asegurándose de que deixen de ser atractivas para os investidores, e convencéndoos polo menos do mal menor, mesmo nun momento en que a recuperación económica dos Estados Unidos non é suficiente para atraer de novo os capitais do mundo. Washington utiliza os seus «inigualábeis medios militares para arrear o capital como un rabaño de ovellas», di o analista chinés Qiao Liang, ao explicar nos seus escritos «a lei cíclica do índice do dólar».
Entre un recorte e un aumento das taxas de xuros, di, ao final a economía global cambiou, e todos aqueles que durante o período de «inundación» se «beneficiaron» do dólar, cando se pecharon as comportas, sufriron un golpe moi forte. Isto aconteceu en América Latina a principios da década de 1980, a primeira vez que Estados Unidos utilizou o seu «truco financeiro». Despois, a guerra de Malvinas e a crise rexional que seguiu, provocaron o retiro masivo de investidores.
Ante a crise financeira que estalou en América Latina, a Reserva Federal elevou as taxas de xuros, o que deixou os investidores sen máis remedio que buscar bonos do goberno federal dos EUA e outros activos financeiros. Despois, os Estados Unidos regresaron a América do Sur e, grazas tamén á actividade dos «fondos voitres», apoderáronse de prósperos negocios que se converteron en papel de refugallo. No seguinte ciclo, o obxectivo foi o Sueste asiático. Agora, escenifícase o contraste entre o dólar e o euro, o ataque a Rusia no enfrontamento global entre os EUA e China.
Cómpre lembrar que, en novembro de 2000, tras o lanzamento do euro, Saddam Hussein expresou a súa intención de regular as transaccións petroleiras coa nova moeda europea, cuestionando así a hexemonía do dólar. Sabemos como terminou a guerra asimétrica desatada por Bush fillo, e como, despois da caída do goberno iraquí, o novo goberno posto na cadeira de mando pola «democracia» norteamericana axiña volveu impor cun decreto o regreso do dólar no comercio petroleiro local.
E pódese compartir a análise de Liang, tamén cando le a guerra de Kosovo, iniciada en marzo de 1999 como unha forte advertencia á nacente moeda, o euro, lanzada oficialmente o 1 de xaneiro de 1999. Tras 72 días de bombardeos, tamén lanzados polas forzas aéreas da Unión Europea, e alimentados pola sucia guerra mediática que acusou o goberno de Milosevic de masacrar a 90.000 albaneses en Kosovo, non só se derrubou o goberno iugoslavo, senón que caeu un 30% o tipo de cambio entre euro e dólar.
Hoxe, a propaganda bélica tenta responsabilizar da crise global á «guerra de Putin», chegando mesmo a confeccionar «listas de prohibición» dos que non están de acordo, como se está facendo en Italia. Nun guión ben probado noutros escenarios, comezando pola Venezuela bolivariana, inténtase ocultar o efecto perverso das «sancións» que os gobernos europeos impuxeron a Rusia, mesmo obtorto collo [N.T.: obrigados], e mesmo contra os seus propios intereses, para cumprir cos pedidos do amo norteamericano, que vai medir a súa hexemonía na próxima cimeira da OTAN en Madrid.
Segundo a FAO, as sancións internacionais impostas á Federación Rusa pesarán mesmo sobre os ingresos dos agricultores rusos porque, aínda que Moscova é un exportador neto de fertilizantes, a súa agricultura depende especialmente das importacións de sementes e praguicidas, principalmente dos países europeos.
Rusia e Ucraína abastecen a moitos mercados con importantes materias primas. Rusia é o maior exportador mundial de trigo, Ucraína o quinto. Xuntos, os dous países representan arredor do 30% das exportacións mundiais de trigo, o 20% de millo, fertilizantes minerais e gas natural, e o 11% das de petróleo. Os prezos destes produtos aumentaron considerabelmente desde o inicio do conflito, a raíz das «sancións» impostas a Moscova a instancias de Washington. A FAO xa advertiu sobre a posibilidade inminente dunha crise alimentaria para aqueles países en desenvolvemento que dependen en gran medida de Rusia e Ucraína e que, xa probados pola pandemia, non se poden permitir custos tan altos para obter alimentos e enerxía.
Os que van pagar as consecuencias da crise, en termos de aumento dos prezos dos alimentos e servizos, da conseguinte depreciación dos salarios e a perda de traballo, serán, como sempre, os sectores populares, comezando polos pobos do sur, obxecto, ao seu pesar, do lucrativo negocio da «axuda humanitaria» e a «reconstrución de posguerra».
Estamos, xa que logo, en presenza dun poderoso e complexo momento de reposicionamento do equilibrio de poder a nivel internacional. Un marco no que cobra maior importancia a acción coordinada daqueles países que habitan un continente rico en recursos e cada vez menos dispostos a concibirse como o «patio traseiro» de Estados Unidos, ou sexa América Latina. Así se viu na Cimeira das Américas, chamada con razón Cimeira da Exclusión, desertada pola maioría dos países latinoamericanos progresistas, en desacordo coa decisión de excluír a Cuba, Venezuela e Nicaragua.
Neste contexto, a xira euroasiática que realiza o presidente Nicolás Maduro cobra aínda máis importancia. Unha viaxe para fortalecer as relacións Sur-Sur e os acordos financeiros a través da diplomacia de paz, combinada coa xustiza social: na perspectiva de que un mundo cada vez máis multicéntrico e multipolar conducirá á caída do último imperio e acelerará o crepúsculo do capitalismo.
[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 14 de xuño de 2022]