O persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza demandan un convenio colectivo galego
Presidentes dos comités de empresa das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a precariedade laboral que padecen, tanto pola alta temporalidade dos contratos como polas carencias en seguridade e hixiene laboral; a inexistencia dunha carreira investigadora que garanta a continuidade na investigación e os recortes en investimento para investigación. Cuestión que “fan que a situación sexa insostible” para as 440 traballadoras e traballadores afectados. Por iso demandan “un convenio colectivo galego para todas as traballadoras e traballadores destes organismo, tal e como ocorre noutras comunidades autónomas”.
Na rolda de prensa foron Paula Cerezo, presidenta do Comité de Empresa da Fundación Biomédica de Galiza Sur; Alejandro Lamelo, presidente do Comité de Empresa da Fundación Profesor Novoa Santos e Ezequiel Álvarez, presidente do Comité de Empresa da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela quen deron conta da actual situación en representación da Plataforma Galega de Traballadores e traballadoras de Investigación Sanitaria (PLAGTIS), que engloba a gran parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galicia.
Sen convenio laboral específico
Segundo explicaron, as Fundacións Sanitarias de Investigación de Galicia non dispoñen, a día de hoxe, dun convenio laboral específico que rexa as diferentes categorías profesionais e regule os dereitos das traballadoras e traballadores o que provoca que “a maior parte do persoal estea contratado en situación precaria e con contratos temporais, a maioría en fraude de lei”.
Cualificaron esta situación como unha “anomalía insostible no tempo” e aseguraron que, malia isto, até o de agora “non existiu ningún interese por parte da administración en negociar o primeiro convenio proposto tras a creación dos Comités de Empresa asociados aos tres principais centros de investigación biomédica en Galicia: IDIS, INIBIC e IISGS”.
Para demostralo sinalaron que, tanto a Consellaría de Sanidade, como a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) “desvinculáronse totalmente do proceso negociador ao desestimar o noso requirimento, feito a través do Consello Galego de Relacións Laborais”. Un “desleixo” que denunciaron porque son un total de 440 as traballadoras e traballadores afectados por esta situación e porque levan demandando esa negociación desde hai máis de 6 meses.
Convenio galego e propostas de negociación
Casualmente onte mesmo, logo da convocatoria de rolda de prensa, as Fundacións da Coruña e Santiago comprometéronse á negociación do convenio, de forma individual, ao que os comités responden que “queremos unha única negociación a nivel galego, coas tres Fundacións ao mesmo tempo, e que se negocie un único convenio a nivel galego”, para o que agardan que proximamente se sume tamén á negociación a Fundación de Vigo.
As/os representantes dos comités das fundacións anunciaron que dan 15 días á administración e ás fundacións para que dean unha resposta. Do contrario xa advertiron de que iniciarán mobilización.
As Fundacións Sanitarias teñen encomendada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a xestión integral da investigación e innovación que as/os profesionais sanitarios galegos desenvolven, así como a promoción dos resultados que a actividade investigadora xera. A misión de todas elas é impulsar a investigación, a docencia, a innovación e o desenvolvemento científico-tecnolóxico no ámbito sanitario galego. Traballan para promover a innovación e investigación galega, poñendo a disposición dos investigadores e resto da sociedade os medios e recursos precisos.
Os Comités de Empresa das Fundacións Sanitarias constituíronse hai un ano e fixaron como unha das súas prioridades a negociación dun convenio colectivo único a nivel galego que regule as relacións, dereitos e deberes laborais de todas/os as/os traballadoras/es de investigación sanitaria. Con este obxectivo, un dos primeiros pasos dados polos comités foi a creación dun comité intercentros con representantes dos tres comités de empresa que traballase nas accións necesarias para a negociación do convenio colectivo.
Xuntanzas sen resultados
Desde aquela solicitaron xuntanza coas/cos Xerentes/as das EOXIs implicadas (xa que son Presidentas/es dos padroados das Fundacións) e coas Directoras das Fundacións para informarlles da intención dos comités de negociar un convenio colectivo único autonómico. Cada Comité reuniuse coa súa Directora xa que as/os Presidentas/es delegaron a súa presenza nelas.
Demandaron tamén unha xuntanza co Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen non nos recibiu. Si se reuniron coa Directora de ACIS, en outubro de 2018, Beatriz Allegue Requeijo, na que, segundo explicaron, se lle propuxo ser interlocutora/mediadora no proceso de negociación do convenio. “Desde esa data non volvemos ter noticias a pesar de tentar contactar con ela en numerosas ocasións”, lamentaron.
Mantiveron xuntanza tamén coa Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, quen aseguran que, tras exporlle a situación, viu como claro interlocutor a ACIS. “Cónstanos que a presidenta do CGRL intentou contactar repetidas veces con Beatriz Allegue por este tema sen éxito”, sinalaron e denunciaron que a resposta da Xerencia de ACIS ao CGRL foi que “eles non son os nosos interlocutores para o convenio autonómico, e nos emprazan á negociación do Convenio con cada unha das Fundacións. Escrito remitido polo CGRL este luns 22 de abril, xunto coa notificación de arquivo, pola súa parte, desde trámite”.
Máis de 26 millóns de euros ao ano
As Fundación Sanitarias naceron na última década do século XX, nos anos 90 – 2000, e foron medrando, pouco a pouco, até chegar, en 2019 a ter un total de 440 traballadores/as e mover máis de 26 millóns de euros ao ano. Por iso os comités consideran que “a Investigación debe ser un piar da nosa sociedade e as condicións de traballo dos investigadores e técnicos que a desenvolven non debería tratarse como un tema menor”.