As ETT e a parcialización da contratación fan medrar o emprego, pero tamén a pobreza laboral

A CIG exixe a derrogación, xa, dunha reforma que alimenta a explotación laboral con contratos lixo e salarios de miseria
Nacional - 02 Abr 2025

Aínda que os datos de emprego melloraron, como adoita ocorrer nesta época do ano pola demanda do sector servizos e as contratacións propias da campaña de verán, nomeadamente no turismo, para a CIG o problema é o tipo de emprego que se está creando. A realidade é, segundo explica o secretario confederal de Emprego e Industria, Francisco González Sío, preocupante. “O traballo que se xera é cada vez máis precario, con contratos parciais, condicións laborais degradadas e salarios á baixa”.

Os datos son claros. O 60% do emprego creado corresponde a contratos fixos-descontinuos e temporais. Crece a pobreza laboral e moitos traballadores e traballadoras, aínda con emprego, “ven reducirse os seus ingresos (como reflicten os datos de Facenda) e aumentan as dificultades para cubrir necesidades básicas”.

González Sío atribúe esta situación á reforma laboral que denuncia que “está a xerar unha dualidade perversa” porquementres se crea emprego, este concentrase en sectores como a hostalería, a restauración ou o turismo, con altas taxas de temporalidade e salarios baixos”.

Por iso, fronte esta realidade, o secretario confederal de Emprego da CIG reclama a derrogación da reforma laboral de 2012 e de 2021 para recuperar a protección ante os despedimentos e a estabilidade nas contratación; a verdadeira prevalencia dos convenios sectoriais fronte aos de empresa, evitando o dumping salarial e que se aproben subas do SMI “vinculadas á realidade económica e que cumpran coa Carta Social Europea”.

Fortalecer a negociación colectiva

Para a CIG tamén é imprescindible fortalecer a negociación colectiva e que os convenios provinciais e galegos, onde os traballadores teñen máis forza, “non sexan socavados por cláusulas reservadas dos convenios de empresa ou estatais”.

González Sío reclama que se eliminen as políticas que debilitan os dereitos laborais e que se combatan todas as fomas de explotación laboral como os centros especiais de emprego e empresas multiservizos, que abusan de traballadoras e traballadores vulnerables; as ETTs, cuxo abuso se está a fomentar desde as políticas públicas e coa parcialización abusiva dos contratos, que debe conlevar penalizacións efectivas ás empresas infractoras.

O secretario confederal de Emprego conclúe afirmando quenecesitamos un marco legal que priorice os dereitos dos traballadores, garantindo salarios dignos, estabilidade e capacidade de conciliación. A creación de emprego non pode ser sinónimo de precariedade, e por iso é urxente reverter as políticas que están a degradar o mercado laboral”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.