Marga Corral: “As empresas venden respecto pola igualdade de oportunidades e pola conciliación cando na práctica as vulneran”
Delegadas/os sindicais da CIG desenvolveron hoxe unha concentración ás portas de Citroën en Vigo para rexeitar o acordo interno que limita o dereito de conciliación laboral e familiar e contra o que a central presentou unha demanda que se dirimirá en xuízo o vindeiro luns. “Este caso é un exemplo máis das empresas ás que se lles enche a boca vendendo políticas e medidas dirixidas a garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e o dereito de conciliación laboral e familiar, cando na práctica o que están a facer é vulneralos”, indicou a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, que participou nunha mobilización que fai parte da campaña que vén de poñer en marcha o seu departamento para denunciar as discriminacións por razón de xénero no mundo do traballo.
Corral censurou o que cualifica como “exercicio de hipocrisía, tanto das empresas como dos gobernos, xa que non se ten mudado nada despois das históricas mobilizacións do pasado 8 de marzo”, polo que considera necesario visualizar máis alá do ámbito das empresas estas desigualdades “e dicir que abonda xa destas discriminacións por razón de sexo”. Lembrou que este é só un dos moitos conflitos e mobilizacións que a central vai desenvolver nas vindeiras datas no marco dunha campaña “que manteremos até que logremos conquistar os nosos dereitos”.
Explicou que a CIG decidiu presentar unha denuncia contra este acordo entre a dirección de Citroën e os sindicatos CCOO, UGT e SIT-FSI “porque entendemos que é unha vulneración grave dos dereitos de conciliación do cadro de persoal”, aínda que quixo deixar claro que esta loita continuará “sexa cal sexa o resultado do xuízo” que terá lugar este luns16, xa que o obxectivo é lograr que as traballadores/as de Citroën poidan compatibilizar a súa vida laboral e familiar. “O que queremos é que traballo e familia sexan compatíbeis, e hoxe en día isto non está garantido, e moito menos con este tipo de acordos que vulneran dereitos fundamentais”, engadiu.
Máquinas ao servizo da empresa
Pola súa banda, a responsábel do sector da automoción da CIG-Industria de Vigo, María Xosé García, detallou que Citroën non só obriga o seu persoal a acollerse a unha redución de xornada -coa perda salarial que isto significa- como único xeito de poder conciliar a súa carreira profesional co coidado dos fillos/as, senón que imposibilita unha concreción flexíbel da xornada laboral, vulnerando o dereito das traballadoras/es a decidir o horario da súa redución de xornada.
“A organización do traballo en Citroën está feita concibindo os operarios/as como máquinas ao servizo da empresa; baixo esta concepción, a dirección, coa colaboración necesaria de CCOO, UGT e SIT-FSI, impón un sistema orientado a imposibilitar o dereito de conciliación do seu cadro de persoal”, criticou.
En concreto, a compañía impón un sistema horario pechado que limita o dereito á redución de xornada, de maneira que as persoas que a solicitan non poidan decidir nin o tempo que precisan reducir, nin o horario a realizar, nin a duración da redución. “E isto a pesar de que o artigo 37.7 do Estatuto dos Traballadores/as establece que a concreción horaria e a determinación do período da redución correspóndelle ao traballador/a”, rematou.