As dependentas de Inditex quentan motores para a folga do día 23 cunha xornada reivindicativa na Coruña
Traballadoras das tendas de Inditex realizaron o pasado sábado unha acción reivindicativa na Rúa de Compostela (A Coruña) que se prolongou das 12 ás 20 horas. O tema da protesta son as festas do nadal e a utilización destas datas como reclamo para aumentar as vendas nas tendas. Ademais de dar continuidade as mobilizacións realizadas e folgas realizadas até agora, a protesta de hora tamén serve como quentamento de cara á xornada de folga convocada para o venres 23 de decembro, ante a falta de movementos da multinacional que permitan pechar un acordo.
A rotunda negativa de Inditex a aplicarlles unha suba salarial digna e recoñecerlle as melloras sociais que xa gozan noutras empresas do grupo, contrasta coas ganancias récord que a empresa deu a coñecer esta semana, acumulando máis de 3000 millóns de euros até setembro e un incremento do 24% dos beneficios con respecto a 2021.
Ademais, segundo informou o conselleiro delegado de Inditex, as vendas nas tendas medraron neste ano de maneira destacada, mais este incremento na carga de traballo non se veu compensada de ningún xeito para as dependentas. "Somos a cara visíbel da empresa pero os beneficios repártense de maneira máis xenerosa noutras áreas. Para nós nunca hai nada, só precariedade", denuncian as delegadas da CIG, que acusan ao xigante téxtil de castigar as súas dependentas negándolles unha suba dos soldos que lles permita chegar a fin de mes.
Critican que malia as históricas xornadas de folga dos días 24 e 25 de novembro, dos datos económicos de vertixe e da plena disposición do persoal a continuar pelexando por un salario decente, Inditex segue pechada a negociar directamente coa representación das traballadoras un acordo que permita acurtar as enormes diferenzas cos soldos que perciben compañeiros e compañeiras doutras empresas. Retribucións que, lembran, chegan a triplicar o salario dunha dependenta aínda tendo similar categoría e cualificación.
Pola contra, a multinacional busca afianzar un modelo de relacións laborais afastado dos centros de traballo e centralizado en Madrid, onde poder pactar a gusto coas cúpulas dos sindicatos españois e onde as traballadoras teñen menor capacidade de incidir e decidir sobre o que se está a negociar.
"Iso foi o que fixo coa proposta de incremento salarial que as traballadoras da provincia da Coruña non aceptamos por ser insuficiente. Levouna a mesa de Madrid para que lla asinaran CCOO e UGT, roubándonos así o dereito a negociar nós mesmas as nosas condicións de traballo", denuncian.
As representantes da CIG valoran que esta actuación por parte da multinacional tivo o efecto contrario ao buscado e, en lugar de desactivar a mobilización, cabreou aínda máis as traballadoras "dándonos máis motivos para ir á folga". A este respecto, engaden que Inditex ten a suficiente capacidade económica para pór enriba da mesa unha oferta acorde coas demandas sociais e apunta ao machismo latente cando se trata de abordar a situación laboral do persoal das tendas (nun 90% mulleres), pois en conflitos similares en empresas do grupo máis masculinizadas, Inditex si presenta propostas suficientes que permiten pechar acordos.
Árbore de desexos, bolsas baleiras de dereitos e exposición fotográfica
Na acción participaron traballadoras das tendas da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol que, coa súa presenza nunha zona tan comercial e concorrida como o entorno da Praza de Lugo, buscan visibilizar a súa dupla realidade: mentres xeran beneficios para Inditex co seu traballo mal pagado nas tendas, teñen que estar na rúa para reclamar uns soldos que lles permitan chegar a fin de mes.
No acto reivindicativo non faltou a típica árbore de nadal, mais en vez de bolas e cintas, foi decorada con carteis alusivos aos desexos das traballadoras para estas festas, que non son outros que lograr dereitos sociais e melloras salariais. E debaixo da árbore puxeron bolsas baleiras de cada unha das cadeas de Inditex para evidenciar todos os dereitos que aínda non teñen recoñecidos.
Para completar a acción, as traballadoras montaron a súa propia exposición fotográfica, a modo das patrocinadas por Marta Ortega, con imaxes do seu traballo cotiá e imaxes da loita que están a desenvolver para reclamar un salario digno.
Así as cousas, as traballadoras das tendas da Coruña seguen firmes na loita por un salario e unhas condicións laborais dignas e non descartan convocar folga indefinida no mes de xaneiro (coincidindo co período de rebaixas) se Inditex continúa sen presentar unha oferta que responda ás reivindicacións sociais.