As dependentas de Inditex organizan unha exposición fotográfica reivindicativa para reclamarlle á empresa que sente negociar
As traballadoras das tendas de Inditex desenvolverán mañá, sábado 1 de xuño, e o vindeiro sábado, 8 de xuño, unha acción reivindicativa de rúa para reclamarlle á multinacional que retome a mesa de negociación provincial. A acción consistirá nunha instalación fotográfica -en alusión ás patrocinadas por Marta Ortega-, para visibilizar a través de imaxes a realidade do seu traballo diario e a loita que están a desenvolver para reclamar unhas condicións laborais "como as que ten o resto de persoal de Inditex coa mesma categoría e convenio".
A exposición despregarase na rúa Compostela dende ás 12 horas até ás 20 horas e na acción participarán delegadas e delegados da CIG nas tendas da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol e aquelas traballadoras que non estean de quenda laboral, xa que os sábados son días de especial actividade.
Precisamente coa súa presenza nunha zona tan comercial e concorrida como o entorno da Praza de Lugo, buscan visibilizar a súa dupla realidade "descoñecida pola maioría da xente que ten unha idea diferente da realidade deste sector: ao tempo que xeramos beneficios para Inditex soportando unhas condicións moi inferiores ao resto de persoal da empresa co mesmo convenio e similar categoría, tamén temos que estar na rúa para reclamarlle a Inditex que nos respecte e que negocie directamente con nós, sen tutelas, como fai co resto dos compañeiros".
Denuncian que Inditex se nega a reabrir a negociación de 2016 no ámbito provincial e a negociar os puntos que só afectan á provincia da Coruña, como o plus sede, o plus de antigüidade que aparecía anteriormente no convenio e que conservan outros compañeiros da empresa, o bono de comida, e a homoxeneización e equiparación de todas as condicións reguladas nos comités coa empresa de cada cadea.
A este respecto consideran "inxusto e discriminatorio" que dentro da mesma provincia as traballadoras teñan condicións diferentes en materia de calendarios, librada de sábados, licencias, descansos, xornadas, categorías, ou complementos.
As traballadoras aclaran que non pretenden ter mellores condicións do que lles pertence pola súa categoría e convenio dentro do Grupo Inditex, "senón que a empresa remate coa discriminación que ela mesma estabeleceu dende hai anos e pola cal se nos nega a posibilidade dunha negociación real coas dependentas como ten a empresa co resto de persoal e as mesmas axudas sociais e condicións".
Esta rotunda negativa contrasta coas ganancias récord que Inditex da a coñecer ano tras ano. "Somos a cara visíbel da empresa pero os beneficios repártense de maneira máis xenerosa e moi desigual noutras áreas e persoas equiparadas a nós. Non nos estamos comparando co conselleiro delegado nin con compañeiros e compañeiras de superior categoría, só reclamamos equidade", aseveran.