As dependentas de Inditex acordan convocar unha nova xornada de folga o 23 de decembro
As traballadoras das tendas de Inditex acordaron, nas diferentes asembleas celebradas esta semana na provincia da Coruña, convocar unha nova xornada de folga para o venres 23 de decembro. Desta xeito dan continuidade ás históricas folgas realizadas o 24 e 25 de novembro en demanda dunha suba salarial digna que lles permita recortar as enormes diferenzas retributivas que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo.
Ademais, de non producírense movementos por parte da multinacional téxtil, as dependentas decidiron ir a unha convocatoria de folga indefinida no mes de xaneiro, coincidindo co período de rebaixas. Previamente ao paro do día 23 tamén se desenvolverán unha serie de actos reivindicativos nas tres cidades.
As traballadoras rexeitan por insuficiente a proposta presentada por Inditex na mesa de negociación que lograron abrir na provincia da Coruña e que, posteriormente, a multinacional pactou en Madrid con CCOO e UGT, “roubándonos o dereito a negociar nós mesmas e aquí as nosas condicións de traballo”.
As dependentas reclaman un incremento progresivo dos seus soldos que en tres anos acade os 440€/mes. Pero a empresa limita esta suba a un total de 182,93€/mes en 2024, malia rexistrar beneficios milmillonarios.
Pero a maiores, Inditex négase de plano a negociar que se lle aplique ao persoal das tendas os dereitos sociais que, despois de duras loitas sindicais, xa teñen recoñecidos noutras empresas, como as axudas por coidado, para adquisición de libros ou o bono comedor.
Diante desta discriminación no recoñecementos dos dereitos, dos ter que soportar os peores horarios e xornadas, de elevada parcialidade que sofren (as xornadas a 40h están consideradas un "privilexio") e de ter os soldos máis baixos de todo o grupo, as traballadoras están dispostas a continuar na loita até conseguir unhas condicións económicas e laborais dignas.