"As dependentas das tendas de Inditex xa non aturamos máis e imos pelexar polos nosos dereitos"
As traballadoras e traballadores de todas as tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña irán á folga o día 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, para demandar da multinacional un incremento salarial digno "que nos permita chegar a fin de mes". Nalgunhas cadeas nas que a multinacional adianta as ofertas, a folga xa se fará efectiva o xoves 24.
Na xornada do 24 os piquetes informativos comezarán ás 10 horas e continuarán o día 25 á mesma hora. Nesta data tamén están convocadas mobilizacións nas tres cidades ás 12 horas: na Coruña, haberá manifestación con saída da Praza de Lugo; en Compostela a manifestación partirá da Praza de Galiza; e en Ferrol farase concentración diante do Centro Comercial Odeón.
"Aínda que somos as que damos a cara todos os días, os beneficios repártense de maneira máis xenerosa noutras empresas do grupo. Para as dependentas nunca hai nada", denunciaron delegadas da CIG e de UGT nunha comparecencia conxunta ofrecida esta mañá para informar dos motivos que levan á convocatoria desta folga, que se agarda teña un enorme impacto e que a maioría das tendas estean pechadas durante toda a xornada do venres.
As traballadoras xa adiantaron que a oferta económica presentada por Inditex "non é suficiente", polo que de non producírense avances non descantar ampliar os días de paro durante o mes de decembro ou coincidindo co período de rebaixas, por ser estas datas de forte actividade comercial.
Inditex non mudou a súa oferta inicial
As representantes das traballadoras explicaron que a multinacional non mudou nin un ápice a súa oferta de outubro, senón que se limitou a mover as contías a repartir en cada ano do acordo. Mais a proposta final segue sendo a mesma: un incremento progresivo en tres anos até acadar os 182,93€/mes en 2024. Unha cifra moi afastada dos 440€/mes que reclaman as traballadoras para o mesmo período e que si lles permitiría achegarse ás contías do denominado "plus de sede" que levan anos percibindo os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo en categorías similares.
Porque non hai que perder de vista que as traballadoras e traballadores das tendas teñen os peores salarios e horarios, están condenadas a ter xornadas parciais ("non temos acceso a contratos de 40h/semanais, co que isto supón para os nosos ingresos"), e nin sequera gozan de beneficios sociais que hai recoñecidos noutra empresas como as axudas para adquisición de libros, por coidado, ou o bono comedor.
Nos últimos anos, ademais, parello ao proceso de dixitalización e ao peche de numerosas tendas e os despedimentos que esta medida implicou, aumentou a carga de traballo e as funcións que teñen que asumir as dependentas, sen que isto levara un aumento do salario acorde.
"Levamos moitos anos aturando condicións precarias e que se nos trate como persoal de segunda. Pero xa non aturamos máis e imos pelexar polos nosos dereitos", aseveraron na rolda de prensa. Apuntan que a situación de baixos salarios non é exclusiva da provincia da Coruña, senón que se dá en todas as tendas do Estado, aínda que aquí, pola proximidade á sede e a outras instalacións do grupo, as diferenzas resultan máis evidentes.
A multinacional non quere negociar coas delegadas
Como exemplo da discriminación e o menosprezo cara ao colectivo de traballadoras das tendas, lembraron que en conflitos similares "Inditex si que pon enriba da mesa propostas suficientes que permiten pechar acordos". A este respecto, denuncian que, a diferenza de anteriores negociacións, como a de 2016, para sentar negociar a actual plataforma reivindicativa, Inditex puxo como condición que só puidera asistir ás reunións un representante por sindicato (CIG, UGT e CCOO), vetando así a presenza das representantes legais das traballadoras "cando nós somos as que mellor coñecemos cales son os problemas e circunstancias de cada centro de traballo".
Xunto a isto, Inditex negouse en banda a entrar a negociar calquera mellora laboral ou social, centrando as conversas unicamente no aspecto económico. Para as traballadoras hai unha clara compoñente de xénero atrás destas diferenzas laborais e retributivas: máis do 90% do persoal das tendas son mulleres "e non podemos acceder a un emprego nas mesmas condicións que teñen os homes que traballan no grupo".
Sobre a percepción social do conflito, as delegadas explicaron que estes días están repartindo folletos para informar dos motivos da folga e das súas reivindicacións cunha recepción moi positiva por parte da clientela. "Estanos sorprendendo o apoio da clientela, que incluso nos animan a intensificar a loita. E en moitos casos dinnos que é vergoñento que unha empresa como esta, que amasa miles de millóns de euros, nos teña nestas condicións".