As denuncias da CIG na Inspección de Traballo obrigan a Carrefour Lugo a mudar contratos temporais en indefinidos
A sección sindical da CIG no CC Carrefour de Lugo leva anos denunciando, tanto diante da Inspección de Traballo como ante a propia dirección do centro, a contratación en fraude de lei dunha parte importante do cadro de persoal, xa que teñen contratos temporais malia cubrir postos estruturais. A intensa campaña de denuncias pola contratación irregular e a acción sindical desenvolvida pola CIG están dando o resultado e "hoxe Carrefour Lugo ten máis traballadoras e traballadores indefinidos".
As delegadas e delegados da CIG cualifican de "escandalosa" a política de contratación practicada pola empresa, obrigando o persoal a concatenar até tres contratos ao longo dun ano para ocupar un mesmo posto. Estas irregularidades teñen especial incidencia na liña de caixas e no sector de frescos.
Con respecto á sección de caixas, advirten que para os denominados "horarios tango" (a tempo parcial) estanse asinando contratos de 906,66 horas ou incluso de 544 horas ao ano que se distribúen ao antollo da empresa, impedindo así que este persoal poida compatibilizar con outro traballo e afondando na precarización feminina (xa que a maioría destes postos están ocupados por mulleres). No caso da sección de frescos "hai un caos organizativo enorme e as quendas son organizadas a golpe de teléfono e día".
Porén, aínda que Carrefour está transformando contratos temporais en indefinidos, CIG avanza que continuará denunciando estes abusos "que buscan manter a precarización laboral dun sector, o da alimentación, moi feminizado e con altos índices de temporalidade, parcialidade e xornadas irregulares nas que se nin sequera se paga o traballo en domingos e festivos, a pesar dos millonarios beneficios que obteñen as empresas".