As delegadas/os da CIG en Unísono de Vigo mobilízanse contra a represión sindical na empresa
Dende a sección sindical da CIG-Unísono sosteñen que a empresa do sector dos centros de chamadas está a aproveitar a última reforma laboral do PP para levar a cabo despedimentos que constitúen unha clara mostra de represión sindical. Precisamente sitúan neste contexto o recente despido dunha traballadora afiliada da central, cuxo contrato foi rescindido en base ao artigo 52 d tras coller varias baixas médicas xustificadas.
“Entendemos que se trata dun caso claro de represión sindical, xa que a compañeira leva dende 2007 na empresa e nunca tivo ningún problema nin foi sancionada; máis ben ao contrario, xa que cumpre sempre os obxectivos e logra todos os incentivos”, indican. Diante disto, optaron por uniciar un calendario de mobilizacións que comezou hoxe cunha concentración dunha hora ás portas da compañía, na Gran Vía. Alí despregaron unha faixa onde se podía ler “Queremos traballar en paz. Abonda de presión e acoso laboral” e berraron consignas esixindo a readmisión da afectada.
As protestas continuarán nos vindeiros días “porque entendemos que foi despedida de xeito totalemente inxustificado” e para o próximo día 26 teñen convocado un paro dunha hora, que aproveitarán tamén para concentrarse ás diante das instalacións de Unísono. A mobilización está promovida pola CIG, mais a central intentará que se sume o conxunto do comité.