As contratas de GKN protestan pola represión sindical e contra o despido dun compañeiro de Metalmos
Traballadores/as das distintas contratas de GKN Driveline, empresa da automoción con sede en Vigo, mobilizáronse onte en solidariedade co traballador de Hierros y Metales Mos (Metalmos), que se encarga da xestións de residuos industriais, despedido pola súa actividade sindical. A protesta coincidiu tamén cunha nova mobilización do persoal de GKN para reclamar a retirada dos tornos de acceso aos vestiarios e ás zonas de descanso.
Segundo explican dende a CIG-Industria, a conflitividade na compañía comezou cando a central se fixo hai un par de meses co delegado sindical e se mantiveron xuntanzas coa dirección para que rematase coa precariedade e as diferenciais salariais existentes aplicando o convenio do metal (que é o do sector no que desenvolve a súa actividade), xa que na actualidade aplica até catro distintos: metal, comercio do metal, limpeza e reciclaxe de residuos sólidos.
“Mais a resposta da empresa foi despedir a un traballador afiliado noso, moi activo sindicalmente”. Por iso decidiuse iniciar un calendario de mobilizacións para esixir a súa readmisión, ao tempo que se vai reclamar xudicialmente a nulidade da rescisión de contrato. A primeira das protestas tivo lugar onte ás portas de GKN, na que ademais do persoal de Metalmos participaron tamén empregados/as das outras contratas de GKN. E tamén un bo número de traballadores/as da propia GKN, que ademais de solidarizarse co despedido volveron reclamar a retirada dos tornos de acceso aos vestiarios e ás zonas de descanso.
Proposta de folga
Dende a representación da CIG en GKN sinalan que na asemblea que tivo lugar ao remate da concentración decidiuse que se na xuntanza entre o comité e a dirección prevista para hoxe non se confirmaba o cumprimento do acordo do AGA de retirar os tornos “pasaríase a desenvolver medidas de presión máis contundentes, sen desbotar a convocatoria de paros”.
Pois ben, na reunión celebrada esta mañá non se produciron avances neste sentido, polo que a representación sindical, presidida pola CIG, trasladarase a proposta de elevar o ton das mobilizacións, sen descartar levar adiante unha folga.