
As consecuencias económicas do rearmamento de Europa

O chamado a «rearmar Europa» de Von der Leyen foi acollido con entusiasmo polos líderes europeos e xa se anuncian investimentos millonarios que aumentarán os beneficios da industria militar. O reverso do plan é a xibarización do estado de benestar e o auxe da extrema dereita
A liorta entre Volodímir Zelenski e o equipo de Donald Trump no despacho oval da Casa Branca o 28 de febreiro traduciuse rapidamente nun chamado a «rearmar Europa» pronunciado por Ursula von der Leyen catro días máis tarde. Este chamado ía acompañado dun plan de cinco puntos.
O primeiro era crear unha liña de empréstitos de 150.000 millóns, apoiada polo orzamento europeo e dirixida aos Estados membro que a poderán utilizar para compras de armamento, principalmente, defensa antiaérea, mísiles, drons, proxectís de artillaría, etc. O segundo punto propón flexibilizar as regras de control do déficit e débeda pública, o que permitirá aos Estados incrementar o gasto militar nun 1,5% do PIB, o que en catro anos suporá sumar 650.000 millóns. O terceiro recolle a posibilidade de modificar o orzamento comunitario, reorganizar o gasto e destinar á industria militar parte dos fondos para programas de cohesión, así como eliminar as restricións para apoiar as empresas do sector defensa. O cuarto propón cambios para aumentar a contribución do Banco Europeo de Investimentos ao financiamento da industria militar, algo que ten prohibido, pero que até o de agora esquivaba investindo en tecnoloxías de «uso dual», isto é, civil e militar. E o último punto consiste en atraer ao programa «miles de millóns de aforros europeos».
Nos cinco puntos recollidos no parágrafo anterior está definido todo o que os neoliberais dicían que era imposíbel facer para salvar a industria –a non militar, por suposto– ou para consolidar o estado de benestar ou para mellorar as pensións. Cando se trata do gasto militar non hai problema en relaxar as regras do déficit, modificar o orzamento para que os fondos de cohesión destinados a proxectos ambientais e redes transeuropeas se destinen a armamento ou para que haxa participación pública na industria militar. Un cambio que volve pór sobre a mesa a natureza política de todas esas regras que se presentaban como económicas.
A ausencia de plan
O rearmamento de Europa delata unha nova viraxe nas prioridades. Hai uns meses era a transición enerxética, as baterías eléctricas, as terras raras, os aranceis aos automóbiles chineses, etc. Máis tarde coa irrupción de DeepSeek, a intelixencia artificial converteuse na principal liña que había que fomentar e sobre a marcha anunciáronse plans para converter a Unión Europea nunha potencia mundial en intelixencia artificial. Apenas acougou o balbordo da IA e aparece a militarización de Europa como prioridade. Dá a impresión que en Europa andan ao chou e en realidade Bruxelas non teñen ningún plan. A Comisión limítase a realizar anuncios apoiados por diñeiro, pero sen ningún proxecto sólido detrás.
Ademais, para que o rearmamento funcione non é suficiente aumentar o gasto, hai que deseñar plans para que as diferentes pezas do crebacabezas encaixen; todo o demais é tirar os cartos. Ao principio da guerra de Ucraína salientábase que Rusia tiña o mesmo PIB que Italia, en fin pouca cousa; así e todo, Moscova ten unha doutrina militar que estabelece obxectivos e prioridades aos que a súa industria militar debe responder, o que lle permitiu redirixir os seus esforzos e adaptarse a unha situación de guerra. Sen unha concepción clara de cal debe ser a política de defensa, da que a Unión Europea carece, o máis seguro é que se o plan de Von der Leyen se leva a cabo, o único que se consiga é que cada país gaste máis.
Iso si, os fondos públicos alimentarán a industria militar sen apenas control, a escusa da seguridade convérteo nun ámbito bastante opaco para a rendición de contas. As grandes corporacións militares xa están a descontar os suculentos beneficios que van obter. O índice Stoxx Aerospace & Defense subiu un 5% esta semana e case un 28% desde principios de ano.
O estado de benestar en perigo
En calquera caso, non só é o malgasto de recursos, senón o efecto que vai ter o cambio de prioridades na vida económica e social. O título dun artigo do Financial Times esta semana deixaba expuña con clareza o dilema: «Europa debe recortar o seu estado de benestar para construír un estado de guerra». O autor, Janan Ganesh, lembraba unha declaración de Angela Merkel na que dicía que Europa representaba o 7% da poboación mundial, o 25% da produción e a metade do gasto social. Nos trece anos que pasaron desde que o dixo modificouse algo a proporción, mais a esencia mantense: a xuízo do autor, demasiado gasto social.
Todos eles esquecen que o gasto social contribúe a xerar riqueza e emprego, ás veces mesmo máis que outros gastos como o militar; e é, ademais, moito máis útil. A obsesión por recortalo non ten que ver coa riqueza nin co emprego, senón coa acumulación de beneficios en mans privadas: un recorte do gasto social amplía a posibilidade de acumular ganancias ás empresas privadas.
O artigo sinala diferentes vías de financiamento da economía de guerra e chega á conclusión de que en calquera caso o estado de benestar debe retroceder, «non o suficiente para que xa non o chamemos por ese nome, pero o suficiente para facer dano». E aquí xorde o problema: como lograr que a opinión pública estea de acordo con ese recorte. Segundo o autor, «o malestar crónico non é suficiente. Ten que entrar un elemento de medo real». E Rusia converteuse no espantallo que se lles ocorreu aos dirixentes europeos para axitar o medo. Pasaron de dicir que ían gañar a Rusia «no campo de batalla» a proclamar, agora que se decataron de que non poden gañar, que Rusia é unha «ameaza para Europa». Os belicistas dirixentes europeos asustan a xente para facer máis dixeríbel o programa de recorte social longamente acariñado polas elites europeas. É dicir, os mesmos que pensaban derrotar a Rusia no campo de batalla viron ese atranco como unha oportunidade para espremer os seus propios cidadáns.
Ganesh apunta outro argumento a favor do gasto en defensa como coartada para reducir o gasto social. Di que «os recortes do gasto son máis doados de vender en nome da defensa que en nome dunha noción xeral de eficiencia». É dicir, que é máis sinxelo convencer a xente de que acepte algo que vai contra o seu interese cando se apela a cuestións como a seguridade.
Extremismo e guerra
Ampliando o gasto militar e recortando o gasto social, só van seguir alimentando as forzas da extrema dereita. Os catro transportistas mortos esta semana en Fitero mostran o miserábeis que se volveron xa as condicións de vida na Unión Europea. Seguir recortando prestacións só pode agudizar o descontento que, a falta dunha esquerda combativa, seguirá capitalizando a extrema dereita. Ademais, necesítanse fanáticos para guerrear. Non abonda con producir, a industria militar necesitará conflitos para que non pare a máquina de facer diñeiro.
Estas conclusións tampouco son novas. Hai máis de 100 anos algo parecido previu John Maynard Keynes nun ensaio sobre a conferencia de paz de París que puxo fin á Primeira Guerra Mundial e que titulou "As consecuencias económicas da paz". Máis valería a todos eses belicistas europeos reler o libro antes de «retomar a carreira armamentística con Rusia» para «gañala», como ambicionaba o primeiro ministro polaco, Donald Tusk, o pasado xoves durante a cimeira extraordinaria da Unión Europea.
[Artigo tirado do sitio web vasco Naiz, do 9 de marzo de 2025]