As cinco Xuntas de Persoal denuncian as eivas na xestión do persoal e piden o cese do director xeral de Función Pública
As cinco Xuntas de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Servizos Centrais) veñen de emitir un comunicado conxunto criticando a xestión do persoal da administración autonómica, ante as deficiencias constatadas no informe do Consello de Contas. Os órganos de representación reiteran tamén a necesidade do cese do director xeral da Función Pública pola súa responsabilidade nesta "desfeita".
Lembran que o Informe de Fiscalización de Gastos de Persoal da Administración Xeral durante os exercicios 2014 e 2019 do Consello de Contas, conclúe numerosas irregularidades na xestión do persoal da Xunta de Galiza, ratificando o que leva denunciando a representación dos traballadores e das traballadoras nos últimos dez anos.
Por iso, dirixiron un escrito ao conselleiro de Facenda e Administracións Públicas trasladando todas as eivas, solicitan o cese do director xeral de Función Pública e propondo as seguintes solucións:
● Convocar e resolver os concursos de traslados en tempo e forma. Hai escalas que levan máis de 8 anos sen concurso ou o concurso específico que nunca se convocou.
● Regular a convocatoria, organización e xestión dos procesos selectivos creando unha comisión profesional, tal como acontece na Administración Xeral do Estado español.
● Aprobar un novo decreto de provisión de libres designacións e comisións de servizo, baseado na publicidade e transparencia, no mérito e na concorrencia.
● Promover a aprobación e estruturación axeitada de todas as relacións de postos de traballo.
● Cumprir cos compromisos na carreira profesional
● Manter unha cultura do diálogo nas mesas de negociación e non un pulso de “ou o tomas ou o deixas”.
● Dotar a Función Pública dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos que poidan manter unha xestión de persoal eficaz, racional e moderna.