As centrais sindicais chaman a encher a Pontes das Pías para esixir solucións urxentes para Ferrolterra
As centrais sindicas fan un chamamento a toda a cidadanía de Ferrol, Eume e Ortegal a participar na mobilización convocada para o próximo domingo, 27 de xuño, para esixir solucións políticas urxentes para enfrontar a profunda crise económica e social na que están sumidas estas comarcas.
Desta volta, baixo o lema "Que non nos rouben o noso futuro", están convocadas dúas marchas que sairán ás 11:30 horas dende San Valetín (a altura da antiga Astano) e dende o Montón (onde a antiga gasolineira) para confluír na Ponte das Pías.
O secretario da CIG-Ferrol, Manuel Anxo Grandal, animou a saír masivamente á rúa "porque nos xogamos o noso futuro. Quen poden, deben e están obrigadas a darnos solucións son as dúas administracións que nos gobernan, a estatal e a Xunta", aseverou.
Denunciou que malia as diversas reunións "a lectura do resultado é fácil: atopámonos con propaganda, reproches mutos, pero sen ningún compromiso nin paso para materializar a mesa de traballo que levamos máis de 10 meses reclamando". Unha mesa na que teñen que participar todas as administracións implicadas e que supón "unha ferramenta principal para poder debater e pór en marcha as medidas e políticas que necesitamos".
Neste senso, Grandal subliñou que estas comarcas son vítimas da propaganda e a desidia institucional dende a mal chamada reconversión, "repetíndose unha e vez as disputas políticas, mais sen que ninguén poña solucións".
Lembrou as críticas cifras de desemprego, pobreza, taxa de actividade ou perda de poboación, como evidencia da profunda crise que atravesan as comarcas, co seu motor económico, o naval, sen carga de traballo e sen os investimentos comprometidos; en pleno proceso de transición enerxética, pero sen alternativas ao peche da central das Pontes; sen proxectos industriais a curto prazo capaces de xerar emprego e asentar tecido produtivo; perdendo servizos públicos; cunha ría cada vez máis improdutiva; cun déficit histórico de infraestruturas etc.
"Temos que reaxir, non temos outra alternativa"
"Temos que reaxir, non temos outra alternativa. Tratase de facernos oír, e non imos acabar aquí. A ferramenta que ten a cidadanía é a presión a través da mobilización. Temos proxectos e propostas, pero facelas realidade depende de decisións políticas que só lograremos a través da loita", afirmou.
O secretario da CIG-Ferrol foi moi crítico co papel da Xunta de Galiza que carece de propostas e proxectos, e que pretende agocharse tras o "pacto de estado por Ferrol". Un documento que "é propaganda, vender unha moto sen rodas". "A medida de como miran para estas comarcas os gobernos dánola situacións como que se vai eliminar a formación presencial da rama de construcións metálicas, ou o 'esquecemento' por parte da Xunta do dique de reparacións, para o que hai dez anos se aprobaron unhas partidas orzamentarias, pero a día de hoxe seguen sen haber nada".
Fronte a este abandono, Grandal reiterou o chamamento a continuar na mobilización para conseguir un cambio de políticas e que se dean as solucións que precisan as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.