![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
As centrais retoman as mobilizacións a prol do indulto para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez
![](assets/images/1/2016%2009%2015%20ProtestaIndultoCarlosSerafinVigo01.grande-3e5fac21.jpg)
A CIG, CCOO e UGT retomaron este xoves, unha vez finalizado o período estival, as mobilizacións para reclamar o indulto para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar na folga provincial do transporte en 2008. As centrais desenvolveron unha concentración diante do Marco de Vigo na que participaron ducias de solidarios/as.
Os tres sindicatos maioritarios decidiron continuar coas mobilizacións para demandarlle ao Goberno español que lles conceda o segundo indulto aos dous traballadores, unha vez que o Consello de Ministros/as lles denegou a primeira petición. Con todo, o xuíz encargado do caso decidira suspender a súa entrada en prisión até que non se resolva a segunda solicitude.
Deste xeito, varias ducias de solidarios/as participaron na concentración que tivo lugar onte diante do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo e que contou coa presenza dos dous afectados, que levan xa máis de tres anos agardando a resolución. Durente o acto, que rematou coa lectura dun comunicado por parte do secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves, berráronse consignas como “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder”, “Carlos, Serafín, indulto xa” ou "Non son ladróns, son traballadores".
Gonçalves lembrou durante a súa intervención que o que lles está a acontecer a Carlos e Serafín "pode pasarlle a calquera de nós, a calquera traballador/a que loite para defender os seus dereitos" e denunciou que a decisión xudicial responde a un intento de amedrentar a clase traballadora e de frear a contestación social aos recortes.