As centrais mobilizaranse na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar o indulto a Carlos e Serafín
A CIG, CCOO e UGT anunciaron ao remate da última mobilización que cada mes se celebra en Vigo para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez que este xoves 11 de xaneiro trasladarán as protestas até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra ás 11:00 horas. As centrais denuncian que levan tres meses agardando que lles respondan á petición de xuntanza coa responsábel do organismo para abordar a situación dos dous afectados tras case catro anos á espera do indulto que evite a súa entrada na cadea.
“Carlos, Serafín, indulto xa”, “Non son ladróns, son traballadores”, “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder”, “A represión non é a solución” e “Indultan banqueiros, condenan obreiros” volveron ser as consignas máis repetidas durante a concentración que se desenvolveu este xoves diante do Marco de Vigo en solidariedade cos dous traballadores condenados a prisión por participar na folga provincial do transporte en 2008 e para reclamarlle ao Goberno español que lles conceda o indulto.
Ao remate da protesta, que se desenvolveu de 20:00 a 20:30 horas e na que participaron varias ducias de persoas, as centrais convocantes anunciaron que a vindeira mobilización trasladarase até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra (xoves 11, 11:00 horas), organismo do que agardan unha resposta á petición de xuntanza cursado hai tres meses. Ademais, adiantaron que barallan convocar unha nova manifestación polas rúas de Vigo para o mes de febreiro.