As centrais mobilízanse no Porriño para denunciar a quinta morte en accidente laboral no que vai de ano
As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT desenvolveron hoxe protesta conxunta no Porriño para denunciar a quinta morte en accidente de traballo no que vai de ano na comarca. Coa concentración celebrada ao mediodía diante do Concello reclaman máis seguridade e alertan sobre a precariedade laboral que está detrás deste tipo de sucesos.
Nesta ocasión os sindicatos saíron á rúa para lamentar o falecemento dun traballador do sector da pedra que o pasado martes perdeu a vida no interior da empresa Granitos Mondariz. Así, despregaron unha faixa na que se podía ler “Non máis mortes no traballo” e berraron consignas como “Máis seguridade e menos represión”, “Accidente laboral, terrorismo patronal”, “Non máis mortes no traballo”, “Coas nosas vidas non se xoga” ou “Máis seguridade nos postos de traballo”.
Ao remate da protesta tomaron a palabra responsábeis das tres centrais. No caso da CIG, o secretario nacional da federación da Construción, Plácido Valencia, trasladoulle as condolencias á familia do falecido e puxo o sindicato á súa disposición para calquera cuestión de asesoramento que precisen.
Ao mesmo tempo, denunciou que dende a crise de 2008 o empresariado actúa cada vez con máis impunidade. “Cre que ten dereito a pasar por enriba da lexislación e dos dereitos dos traballadores/as en algo tan básico como a prevención de riscos laborais”.
Neste senso, asegurou que na CIG-Construción “estamos fartos/as de ter que denunciar na Inspección de Traballo e nos distintos organismos para intentar que estas cousas sucedan; por iso para nós é un fracaso ter que estar hoxe aquí, porque non fomos quen de evitar unha nova morte dun compañeiro; por iso imos seguir loitando, reivindicando e saíndo á rúa cantas veces faga falta para que se garantan unhas mínimas condicións de seguridade no traballo”.
Sobre todo nas empresas nas que non existe representación sindical porque a actitude represiva da dirección o impide, como no caso de Granitos Mondariz, “de maneira que é máis difícil velar por que se cumpran as medidas de seguridade”. Finalmente, censurou a actitude da patronal en moitos convenios “nos que intenta cambiar a seguridade e a prevención na empresa por un plus económico”.