As centrais mobilízanse na empresa do presidente dunha das patronais do metal pontevedrés para forzar o desbloqueo do convenio
As centrais sindicais maioritarias no metal pontevedrés levaron a cabo hoxe unha nova mobilización para reclamar o desbloqueo das negociacións para renovar o convenio provincial. A CIG, CCOO e UGT optaron nesta ocasión por desenvolver unha concentración diante de Urovesa, a empresa con sede en Valga propiedade do presidente de ASIME, unha das patronais do sector, en resposta á decisión do empresariado de suspender as conversas tras 14 xuntanzas.
A protesta desta mañá chegou tras a que tivo lugar o pasado un de marzo diante de Talleres Fontán en Vigo, empresa propiedade do presidente de ATRA, outra das patronais con representación na mesa negociadora. En ambas mobilizacións despregáronse faixas reclamando un convenio digno e xusto que remate coa crecente precariedade nunha industria da que dependen milleiros de empregos.
Este calendario de protestas, que inclúe tamén a celebración dunha asemblea nas inmediacións do Náutico de Vigo o vindeiro día 24, foi anunciado polos sindicatos despois de que a parte social e empresarial celebrasen 14 xuntanzas e unha vez que a patronal rompeu as negociacións, “levantándose da mesa, mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”.
Modernización do convenio
Deste xeito, e ante a imposibilidade de chegar a acordos cun empresariado “instalado nunhas lóxicas de precarización e empeoramento das condicións de traballo”, as centrais apostaron por saír á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores/as do sector “dunha modernización do convenio, con redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante a pandemia”.
Para o mércores 24 de marzo a partir das 11:00 horas teñen convocada unha asemblea de traballadores/as do sector fronte o Náutico de Vigo, nas proximidades da estación marítima, na que analizarán de que forma a patronal está a intentar precarizar aínda máis o sector e cales deben de ser os seguintes pasos a dar para evitalo. Dende a CIG, CCOO e UGT fan un chamamento a participar tanto nas protestas como na asemblea como único xeito de lograr unha mellora das condicións laborais.