As causas e consecuencias do retorno da inflación global

Isaac Enríquez Pérez - 04 Mai 2022

Non son a pandemia nin a invasión rusa en Ucraína as causas automáticas da actual espiral inflacionaria, senón a persistencia dun patrón de acumulación rentista, extractivista e depredador que zuga a riqueza e a concentra en poucas mans. Esa é a verdadeira “guerra”: a que se libra contra a clase traballadora depauperada de todo o mundo

 Que a economía mundial experimente comportamentos da inflación como non se vía desde hai catro décadas é o signo da perpetuación da crise estrutural do capitalismo, do seu modelo rentista e parasitario, e do fracaso das políticas de austeridade fiscal tamén adoptadas desde os anos oitenta.

 Os Estados Unidos pecharon o ano 2021 cunha inflación do 7%, mentres que a Unión Europea pechou ese mesmo ano cun 5,3% e o Reino Unido cun 5,4%. Para febreiro do 2022, os países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) tiveron como media un 7,7% anual, sendo a súa taxa máis alta desde 1990. México, pola súa banda, colocouse por baixo desa media cun 7,3%. En sectores como os enerxéticos, os membros da mesma OCDE tiveron como media o 26,6% no aumento dos prezos. O problema tamén se estende aos prezos dos produtos básicos, principalmente alimentos.

 Aínda que se atribúe con regularidade que estas espirais inflacionarias se deben á pandemia da COVID-19 e ao confinamento global que paralizou a actividade económica durante dous anos, así como á invasión de Ucraína por parte de Rusia -iniciada o pasado 24 de febreiro-, a explicación non é do todo fiábel pois o problema de fondo vén de lonxe e responde a acontecementos acumulados ao longo de varias décadas.

 Aínda que a ruptura da cadea global de abastecementos que se vén producindo desde marzo de 2020 encareceu o acceso a insumos e bens manufacturados, e aínda que as sancións económicas que pesan sobre Rusia afectan con suba dos prezos, directa e indirectamente, a uns 74 países que concentran preto de 1.200 millóns de habitantes, imponse tamén unha lóxica especulativa e depredadora entre as grandes corporacións que acaparan insumos manufacturados, enerxéticos, grans básicos e fertilizantes. Non poucas delas favorecidas coa transferencia de recursos públicos cara ás súas arcas durante os dous anos previos.

 Que o arroz e o trigo aumentasen os seus prezos por volta do 22% e a cebada un 31% contra marzo de 2022, iso fala precisamente dos mecanismos especulativos dispostos polos grandes acaparadores dos grans básicos que aínda se desfán das colleitas do ciclo agrícola pasado e non as deste ano que están en vías de produción.

 A crise epidemiolóxica global que tivo as súas principais manifestacións nos anos 2020 e 2021, por si soa, non é dabondo para explicar estas espirais inflacionarias inéditas durante as últimas tres e catro décadas. Aínda que temos que facer referencia á cantidade de diñeiro circulante impreso polos principais bancos centrais do mundo -principalmente dos Estados Unidos e da Unión Europea- para afianzar a transferencia de recursos públicos a mans privadas baixo o pretexto da creba de grandes empresas e bancos nesas nacións.

 De tal xeito que a pandemia actuou como a xustificación do híper endebedamento destes sectores públicos e como un dispositivo de reconcentración da riqueza en mans privadas e de desgravación das débedas do sector bancario/financeiro movido polo rentismo, e cuxos pasivos ascenden a máis de 2 billóns de dólares. Os chamados “derivados financeiros”, que foron a raíz da crise económico-financeira de 2008/2009, aínda fan sentir as súas consecuencias.

 Despois do 2010, non cesou nos Estados Unidos a adopción, por parte da Reserva Federal, dunha expansión monetaria ligada ás baixas taxas de xuros. Iso agravouse nos dous últimos anos coa emisión monetaria máis grande na historia desa nación: o 22% dos dólares que circulan nesa economía imprimíronse no ano 2020.

 Xuntamente con iso, a Reserva Federal desde a crise financeira do 2008 mantivo practicamente en cero o prezo do crédito bancario, como parte da creación de diñeiro nese banco central que adquiriu o endebedamento da banca comercial.

 Á súa vez, a coartada da invasión de Rusia en Ucraína funciona tamén como unha xustificación da economía de guerra impulsada polo bloque dos Estados Unidos, a Unión Europea e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Beneficiarias dos investimentos públicos en armamentos, as grandes empresas fabricantes de armas non se resenten da crise da economía mundial, senón que se erguen como parte destacada das grandes beneficiarias.

 O mesmo goberno dos Estados Unidos, desde a Presidencia de Harry Truman, afianzou esta economía de guerra como mecanismo antirrecesivo e xerador de empregos; iso malia as súas consecuencias inflacionarias. Anos despois, contra 1960, o presidente Dwight D. Eisenhower -alarmado- denominou a isto o “complexo militar-industrial”.

 A actual situación global da inflación explícase pola elevada interconexión da economía mundial e polo efecto multiplicador xerado polo aumento dos prezos dos enerxéticos nas cadeas globais de abastecemento. Por iso é polo que a escalada de prezos non afecta aos países de xeito illado.

 A ineficaz e perniciosa xestión da política monetaria nos Estados Unidos e Europa durante os últimos dous anos é o que explica a tendencia alcista dos prezos. A emisión monetaria descontrolada e a diminución das taxas de xuros do fin de estimular o consumo e o beneficio das grandes corporacións -nomeadamente farmacéuticas, dixitais e armamentistas- completa o cadro.

 Os amplos estímulos fiscais e monetarios aplicados nestas economías nacionais non funcionaron e mestúranse coa redución do crecemento económico até situar a economía mundial ás portas da recesión e no que Paul Krugman denominou no pasado recente como “o retorno da economía da depresión”.

 O que subxace nas escaladas inflacionarias é a pauperización das clases medias e o empobrecemento masivo da clase traballadora nun contexto máis amplo de reconcentración da riqueza e os ingresos entre os que se benefician deses ataques especulativos en torno a bens e servizos básicos como os hidrocarburos, os alimentos e demais bens e servizos de consumo masivo.

 Se a escalada de prezos continúa afectando aos grans básicos, as situacións de fame xeneralizadas non tardarán en amplos territorios do mundo, tendo como consecuencia o xurdimento de novos conflitos. Xa que logo, a volta da inflación global funciona como un dispositivo para alargar as desigualdades no marco dun ataque masivo contra as clases populares no mundo. Non son a pandemia nin a invasión rusa en Ucraína as causas automáticas destas espirais inflacionarias, senón a persistencia dun patrón de acumulación rentista, extractivista e depredador que zuga a riqueza e a concentra en poucas mans.

 Máis aló dos intereses creados, é pertinente pensar noutras explicacións en torno a fenómenos como a inflación sen nos atermos ás cadeados da teoría económica convencional que reduce o fenómeno a un aspecto puramente técnico e monetario. É un fenómeno tamén político e ético á vez, moi relacionado cos novos mecanismos de concentración da riqueza e de desigualdade que afecta, sobre todo, ás clases sociais desposuídas. Esa é a verdadeira “guerra”: a que se libra contra a clase traballadora depauperada de todo o mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 3 de maio de 2022]