As auxiliares do SAF de Ponteareas decidirán se deixan de usar o seu coche particular para ir aos domicilios
Diante da negativa de Clece a actualizar o pagamento da quilometraxe a 0,21€, as traballadoras do SAF de Ponteareas reuniranse en asemblea este xoves, día 1 de setembro, ás 8:00 horas, para decidir as medidas a adoptar, entre as que xa adiantaron a de deixar de utilizar o seu vehículo particular.
As traballadoras do SAF de Ponteareas -que se veñen mobilizando desde o 8 de Marzo para denunciar a situación que padecen- reuníronse este martes, día 30 de agosto, co Xefe de Servizo e coa Dirección da empresa. Unha xuntanza convocada logo de que o día 2 de agosto 24 das auxiliares asinaran un escrito dando a Clece un prazo dun mes para solucionar a situación de precariedade que padecen, agravada pola crecente carestía da vida, o que as obrigaría a deixar de utilizar os seus vehículos.
Na xuntanza as traballadoras propuxeron que se actualizara de inmediato o pagamento da quilometraxe ao prezo de 0,21 e que se pagaran todos os desprazamentos, incluídos o primeiro e o último desde a oficina. Unha proposta que a empresa rexeitou por considerar que non se ten que actualizar o prezo até a sinatura do novo convenio, cuxas negociación non se iniciará até o 9 de setembro, e que só se modificaría caso do concello de Ponteareas facerse cargo do custo que suporía esa medida.
Actualización salarial
As traballadoras manifestan a súa sorpresa ante o anuncio, “que nunca nos fora comentado nin pola empresa nin polo concello”, de que a actualización salarial do 6,5% só vai ser efectiva no mes de setembro “se o concello, antes do 15 de setembro se compromete por escrito a iniciar os trámites dunha nova licitación que mellore o prezo actual de 15,84€/hora”, que Clece entende que é totalmente insuficiente para facer fronte as actualizacións salariais.
Diante disto, as delegadas presentáronse de inmediato diante da concelleira para comprobar se o que afirmaba a empresa era certo ao que, segundo informan, “contestou que si, explicando que eles comprometéronse a iniciar un novo conxunto ao remate deste, pero non podían comprometerse por escrito a adiantar un concurso que finaliza aínda dentro dun ano”.
Un concurso ao que, ademais, a empresa Samaín fixo todo o posíbel para gañar hai un ano e quedar no concello de Ponteareas ao prezo que eles ofertaron, polo que “o que si vai facer o concello é abrir o correspondente expediente no caso de que non cumpran coa lexislación laboral vixente”.
Ante iso, as delegadas denuncian que “unha vez máis somos as traballadoras as que pagamos coa nosa precariedade os despropósitos de gobernos e empresas”.
Lembran que están a poñer os medios, “sacando os cartos do sustento das nosas familias para ter un coche a disposición e encher un depósito ao servizo do concello de Ponteareas e dunha empresa que se presta a facer de matona sabendo ambos os dous que para dar o servizo ao prezo que ofertou teñen que, necesariamente, sacarllo da pel as auxuliares”.
Denuncian ademais que a situación de precariedade vén de lonxe mais que desde o mes de xaneiro empeorou e consideran que “estamos subvencionando e prestando cartos a unha empresa que decidiu non pagar e un concello que leva 8 meses esperando a tomar a decisión que corresponde”. Decisión que entenden que pasa por rescindirlle o contrato a Samaín por incumprimento grave.