
Asembleas do transporte de viaxeiros/as aproban por práctica unanimidade suspender a folga

Traballadores/as do sector de Transporte de Viaxeiros/as ratificaban esta mañá, nas asembleas celebradas simultaneamente en todo o país, o preacordo acadado onte entre os sindicatos e a patronal do sector. Un preacordo ao que se chegaba na xuntanza auspiciada pola CIG no Consello Galego de Relacións Laborais, organismo ao que a central sindical solicitou a súa intervención para que as partes retomaran o diálogo. Deste xeito, a folga indefinida que había comezar este mesmo xoves, queda suspendida á espera de que se vaian vendo os avances das negociacións.
O acordo acadado onte permitiu recuperar o Marco Galego de Negociación, creado o pasado 4 de xullo e que para a CIG supón un avance. Así o valorou o responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, quen salientou que supón “un fito histórico” por conseguir sentar, por vez primeira, á patronal nunha mesa de carácter nacional.
De feito no texto do acordo sublíñase que esta Mesa é a que ten a “plena lexitimidade e capacidade para a negociación no ámbito galego de transporte de viaxeiros por estrada".
Outro dos compromisos adquiridos polas partes é o de impulsar a negociación das subas salariais, co compromiso de que nas Comisións Delegadas provinciais, dependentes da mesa nacional, a revisión das táboas salariais sexa, a partir de hoxe, dun 2%.
Tamén se fixa un calendario de xuntanzas, tanto das comisións provinciais como da mesa nacional, até o 2 de agosto, para ir avanzando entre mentres na negociación dos convenios.
Intervención do Consello Galego de Relacións Laborais
Este acordo ratificado hoxe polas asembleas, non tería sido posíbel sen a solicitude de mediación remitida pola CIG ao Consello Galego de Relacións Laborais. A este respecto Xesús Pastoriza lembra que o pasado martes o diálogo e o Marco Galego saltaran polos aires tras levantarse da mesa a patronal.
Unha decisión que a patronal xustificaba por mor da sinatura por parte de CCOO e UGT do acordo coa Xunta de Galiza, que baleiraba dunha parte do seu contido –o relativo ao Plan de Transporte- o Marco Galego e que para a CIG só servía para “lavarlle a cara á conselleira na súa comparecencia no Parlamento”.

Pastoriza reitera ademais a oposición da central sindical ao Plan de Transporte fundamentalmente porque “non estamos de acordo con mesturar o escolar co regular; vai provocar unha redución de liñas e, polo tanto, aínda que contempla a subrogación, non garante que todo o volume de emprego que hai agora se manteña”.
Próximas xuntanzas
A folga fica suspendida e pendente dos avances que se vaian producindo nas negociacións. As comisións provinciais teñen fixadas xuntanzas unha vez por semana, como mínimo dentro das seguintes datas: 17 ou 18 de xullo; 26 de xullo (en xornada de mañá e tarde); 31 de xullo e 1 de agosto.
A Mesa Galega reunirase os días 19 e 27 de xullo e 2 de agosto, en horario de mañá e tarde, para ir revisando os avances das negociacións nas comisións provinciais e serán as traballadoras e traballadores nas asembleas que se convoquen a tal efecto as que ratifiquen os acordos aos que se vaia chegando.
Asemblea Coruña
Asemblea Coruña
Asemblea Compostela
Asemblea Compostela
Asemblea Ferrol
Asemblea Ferrol
Asemblea Vigo
Asemblea Vigo
Asemblea Lugo
Asemblea Lugo
Asemblea Pontevedra
Asemblea Pontevedra