As asembleas do persoal de Ferroatlántica acordan mobilizarse contra a posíbel venda das centrais hidroeléctricas
Nas asembleas informouse das reunións e accións que o comité de empresa está levando a cabo con distintos grupos parlamentarios e as peticións de reunións realizadas tanto ao Presidente da Xunta como aos Concellos máis afectados por esta posíbel venda -Cee e Dumbría-, solicitando que se posicionen "e esixan á empresa que cumpra a legalidade e desista nas súas pretensións".
Neste senso, lembran que as actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións forman unha unidade produtiva única, cuxa vinculación está obrigada pola Xunta de Galiza e ratificada por sentenzas xudiciais do TSXG e o TS.
Xunto a isto, o Comité ten solicitado ao Presidente de Ferroatlántica que se desprace a Cee a dar explicacións "no seo do pleno do comité e non no comité europeo, como pretende", nunha manobra para tentar desvincular o problema da comarca as repercusión negativas que tería tanto social como economicamente.
Diante da inquedanza xerada, no marco das asembleas celebradas este martes acordouse a convocatoria dunha primeira concentración o próximo venres para amosar o absoluto rexeitamento á intención de venda. Porén, dende o Comité advirten que estudan un novo calendario de mobilizacións "polo menos até que a empresa reciba ao comité ou a Xunta desautorice a venta".
Ditas mobilizacións decidiranse na reunión que o venres que vai manter o comité con representantes das tres organizacións sindicais con representación CIG, UGT, CCOO.