As asembleas do persoal do transporte ratifican por ampla maioría os acordos e desconvocan a folga
As asembleas de traballadores e traballadoras realizadas a última hora da tarde do mércores aprobaron por ampla maioría os acordos acadados nas mesas provinciais e na mesa galega do transporte para os novos convenios colectivos. Deste xeito queda desconvocada de maneira definitiva a folga nos autobuses de viaxeiros/as -que permanecía suspendida dende o pasado día 13-.
Entre outras cuestións, os traballadores e as traballadoras aprobaron os incrementos salariais pactados para cada unha das provincias: 2.6% en Lugo e Ourense, 3.8% en Pontevedra e 3% na Coruña (un 2.6% dende o 1 de agosto e o 0.4% restante a 31 de decembro).
Como non podía ser doutro xeito, a CIG asume o resultado das asembleas do persoal e, polo tanto, referendará os acordos aos que se ten chegado nas mesas provinciais (e que onte foron ratificados na Mesa Galega). Neste senso, aclarar que a central nacionalista non asinou os preacordos de Lugo e Ourense porque CCOO e UGT romperon o pacto de non asumir incrementos por debaixo do 2.8% nas mesas provinciais e, de non chegarse a entendemento neste marco, resolver esta cuestión na mesa galega.
No caso de Pontevedra, a CIG non asinou o acordo na mesa provincial porque o incremento do 3.8% significa recuperar o IPC anterior (o convenio leva caducado seis anos), pero supón conxelación salarial para 2017. Nesta provincia, apunta o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, houbo problemas e, por veto de CCOO e UGT, non se someteu a votación esta cuestión. "De terse levado á asemblea, seguramente os traballadores/as de Pontevedra non terían aceptado este incremento", puntualiza.
Pola contra, a CIG si ratificou o acordo de incremento salarial conseguido na mesa da Coruña (provincia onde a central nacionalista ten maior representación) que chega ao 3%.
Rexeitamento ao Plan de Transportes
Doutra banda, a CIG reitera o rexeitamento ao Plan de Transportes da Xunta, contra do que ten presentado alegacións. "Entendemos que non articula adecuadamente o territorio galego nin atende as especificidades do noso país; cuestionamos que vaian no mesmo autobús escolares e viaxeiros/as de liñas regulares; e consideramos que a dotación económica é insuficiente, e a medio prazo isto traerá problemas no sector".
Xunto a isto, Pastoriza teme que haxa dificultades tamén na subrogación do persoal ás novas empresas "a causa do caos que a propia Consellaría creou", pois, apunta, "no apartado de persoal asumiu como subrogábel a todo o persoal que ía nas listas, sen comprobar se o número de traballadores/as se adecuaba ao marcado nos novos contratos".
A este respecto, adiantou que a CIG xa está traballando nesta cuestión e manterá reunións coas novas empresas para abordar a subrogación do persoal e o mantemento das condicións laborais.
A CIG tamén segue pendente do resultado da impugnación que se fixo no xulgados dos novos contratos do transporte, "que agardamos prospere de xeito positivo".