O persoal de Ferroatlántica ratifica a convocatoria de folga e a manifestación do 8 de xullo
A asembleas de traballadores e traballadoras celebradas o pasado mércores nos centros de traballo de Ferroatlántica avalaron a convocatoria de mobilizacións acordada polo Comité de empresa; isto é folga nas fábricas e centrais para o sábado 8 de xullo, manifestación ese mesmo día en Santiago de Compostela e marchas a pé dende Cee á capital galega dende o 5 de xullo.
Nas asembleas, tamén se explicaron con detalle as xestións institucionais realizadas nos últimos días e expúxose polo miúdo o contido das alegacións presentadas polo Comité na Xunta de Galiza en contra da solicitude de Ferroatlántica para a autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades.
Se a Xunta accede a suprimir a prohibición de segregar ambas actividades será por decisión política, pero non por obriga legal"
A este respecto, e fronte ao afirmado polos responsábeis de elaborar o informe xustificativo co que Ferroatlántica acompaña a súa solicitude (documento polo que a empresa pagou unha substanciosa minuta), dende o Comité subliñan que a administración galega non ten obriga legal ningunha de acceder a petición da empresa. "Por iso, na propia solicitude a empresa fala de revogación e non de anulación, xa que existen sentenzas firmes avalando a legalidade e pertinencia das cláusulas que acompañan a concesión dos saltos de auga".
Decisión puramente política
De feito, engaden, se a Xunta accede a suprimir a prohibición de segregar ambas actividades "será por decisión política e deberá achegar unha sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica esta medida". Pois precisamente garantir o emprego e a actividade das fábricas de ferroaliaxes é o obxectivo desta obrigada vinculación. As centrais son o complemento idóneo da produción de ferroaliaxes; a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento. "Parece que o grupo quere vender á sociedade que agora as centrais son unha carga económica, cando, en toda a súa historia, os saltos de auga sempre deron beneficios (que, por certo, non foron reinvestidos na mellora e modernización das fábricas)", apuntan.
Contar coas dúas actividades é algo que o propio grupo Ferroglobe pon en valor diante dos seus accionistas. Ademais, esta vinculación "é a que permite que as fábricas sigan abertas, e se isto non fora verdade a empresa non faría o máis mínimo esforzo por buscar respaldo e xustificación social aos seus plans".
Resulta imposíbel conxugar que a venda das centrais sexa a un mesmo tempo para sufragar o cacarexado plan industrial e para afrontar a avultada débeda do grupo Villar Mir"
Neste senso, valora o Comité que "daría moi pouca credibilidade á Xunta do PP que o Señor Feijoo antepuxera os intereses dunha empresa que está sendo investigada polo financiamento irregular do partido ao que representa, aos intereses das súas e dos seus administrados. O Comité e os traballadores/as actuaremos con todas as armas que teñamos na nosa man se a autorización chega a facerse efectiva".
Villar Mir non ten a propiedade dos ríos
Fala Ferroatlántica tamén da liberdade de empresa, pero nada di do feito de que un cambio substancial como a supresión da prohibición de segregar actividades suporía a caducidade das concesións e a obrigatoriedade de que estas reverteran á administración galega, quen tería que decidir se as volve sacar a concurso ou pasan a xestión directa. "A vinculación non é unha condición accesoria, senón substancial. A empresa quere mudar as regras do xogo e ao mesmo tempo non quere perder as concesións. Ferroatlántica non ten a propiedade dos ríos, só unha concesión administrativa, a súa liberdade é a mesma que pode ter calquera outra empresa interesada en adquirir os saltos e o complexo industrial", explican.
Doutra banda, entenden que resulta imposíbel conxugar que a venda das centrais sexa a un mesmo tempo para sufragar o cacarexado plan industrial e para afrontar a avultada débeda do grupo Villar Mir. "Se os cartos van para un lado non poden ao mesmo tempo ir para o outro, por moito que a empresa pretendan cualificar o Comité e os traballadores/as como ignorantes en materia de xestión empresarial. O argumento de que vai pagar a débeda cos cartos da venda para non telos parados durante o tempo que dure a aplicación do ilegal plan industrial resulta cando menos risíbel. Se é algo tan obvio, por que llo oculta á Xunta na súa solicitude?", pregunta o Comité.
Inversións en Arteixo
Así mesmo, lamentaron profundamente "que o Concello de Arteixo, co seu alcalde á cabeza, pida garantías de investimentos para as plantas do grupo no polígono de Sabón, pero non teña a mínima consideración por esixir que eses investimentos non supoñan deixar na ruína a unha comarca enteira. O Concello de Arteixo debería esixir á empresa que cumpra os seus compromisos pero sen vinculalos á venda das centrais. No hai que esquecer que esta dependencia só apareceu cando a empresa fixo públicas as pretensións de vender as centrais e se atopou de fronte coa oposicións dos traballadores e a cidadanía da Costa da Morte".