As asembleas aproban o preacordo do Convenio Galego de Instalacións Deportivas

Logran avances en salarios, xornada, materia social e o 1,5% de suba salarial para cada un dos tres anos de vixencia
O Carballiño - 31 Out 2016

As asembleas de traballadores/as celebradas en Pontevedra e na Coruña veñen de dar o seu voto afirmativo ao preacordo acadado entre patronal e sindicatos para o III Convenio galego de Instalacións Deportivas, que suporá un aumento salarial do 1,5% para cada un dos tres anos de vixencia, así como importantes avances en cuestións sociais e de xornada para os máis de 3000 traballadores do sector. A sinatura do acordo entre AXIDEGA e as centrais terá lugar o vindeiro 2 de novembro na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Compostela.

Fronte a proposta inicial da patronal AXIDEGA de 0´50, 0´75 e 1% de suba salarial, lógrase o 1,5% para 2016, 2017 e 2018, ademais de sumar as “mariñas” ao ámbito dun sector que xa englobaba piscinas, ximnasios e campos de golf, entre outros. Contémplase, tamén, a ampliación nos contratos dos traballadores/as fixos-discontinuos e a tempo parcial baixo varios criterios, así como a libranza dun fin de semana ao mes para o persoal con xornada de luns a domingo que presta servizos mediante rotacións. Asemade, inclúese dentro das categorías a de “monitor multidisciplinar”, que non constaba no anterior convenio.

No caso do dereito a permisos retribuídos para asistencias médicas, elimínase o requisito de “convivencia” e amplíase tanto a servizos públicos como a privados. No que respeita ás horas extraordinarias, se son en domingo ou festivo a compensación económica ou en descanso será de 1,75 por cada hora de traballo, mentres que no resto dos días suporá 1,50 euros/hora traballada.

Festivos e pluses

Establécense como mínimo tres días festivos anuais e tres medios días, que serán o 1 e 6 de xaneiro e o 25 de decembro, alén das tardes do 5 de xaneiro e 24 e 31 de nadal, onde a partir das 15h se pecharán as instalacións. Tamén hai avances no relativo a plus de toxicidade (pasa de 30 a 40 euros) e de nocturnidade (pasa do 15 ao 20% do valor da hora ordinaria), axudas de custo e seguros, se ben estes entrarán en vigor no capítulo económico a partir do 1 de xaneiro de 2017. O calendario laboral deberá ser comunicado pola empresa antes do 1 de decembro.

Vacacións

Os e as traballadores/as terán dereito a trinta e un días naturais de vacacións anuais -excluíndo festivos-, e establécese como período de goce para quince deses días o comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de cada ano. O persoal que ingrese ou cese no transcurso do ano computaráselle de forma proporcional ao tempo traballado.

Complemento ad persoam

Este complemento será revalorizábel conforme ao IPC do ano inmediatamente anterior, pero tendo como tope o incremento salarial fixado no novo convenio para cada ano.

Roupa de traballo complementaria

Tamén se contemplan axudas, non acumulábleis, para adquisición de roupa de traballo complementaria, co requisito de estar de alta na empresa antes do 1 de xaneiro e acreditar unha antigüidade mínima de tres meses. As axudas máximas totais serán de 20 euros para monitor/a de actividades acuáticas, 50 no caso de sala fitness e 100 para monitor/a de actividades dirixidas.

Sinatura o vindeiro 2 de novembro

Unha vez ratificado polas asembleas de persoal do sector, o III Convenio Colectivo do sector de Instalacións Deportivas será asinado pola patronal AXIDEGA e as centrais CIG, CCOO e UGT o vindeiro 2 de novembro na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.

Exclusividade da figura de socorrista (SOS)

De xeito parello ao preacordo, as centrais sindicais lograron clarificar coa Consellaría de Sanidade o posto exclusivo da figura de socorrista (SOS) nas piscinas, o que deriva na incompatibilidade para simultanearen outras funcións como a de monitor, tal e como se viña facendo nalgúns casos.