"As ameazas do presidente de Ferroatlántica a través dos medios demostran a desesperación da empresa"
O Comité de Ferroatlántica considera que a empresa "está demostrando a súa verdadeira faciana", coas "ameazas e chantaxes" feitas públicas nos medios de comunicación. Unhas manobras, denuncian, a través das que a compañía "pretende facer recaer no conxunto dos traballadores e traballadoras, a responsabilidade da ilegal operación que quere levar adiante". Porque engaden, "non hai que esquecer que nas súas declaracións, o Presidente de Ferroatlántica esquece sempre de xeito intencionado un 'pequeno' detalle: a empresa non é propietaria da centrais, só ten unha autorización administrativa que lle obriga a manter vinculadas ambas actividades".
Para a representación social estas presións non supoñen unha novidade xa que dende o Comité levan meses denunciando as ameazas tanto aos órganos de representación e ao persoal das distintas fábricas, como ás entidades beneficiadas no marco da denominada "responsabilidade social corporativa".
Afirman que a empresa continúa enredando e presenta en cada ocasión "un baile de cifras de investimentos e xeración de emprego que, día a día, fan menos críbel o famoso plan industrial". Pola contra, estes cambios revelarían "a desesperación da empresa no seu ilegal intento de segregar e vender as centrais hidroeléctricas".
A débeda que Ferroatlántica non se atreve a pór enriba da mesa é a débeda histórica que ten coa comarca pola explotación e espoliación dos nosos recursos naturais"
Argumentos contraditorios
Nesta ofensiva mediática, Ferroatlántica pretende facer crer que a actividade hidráulica non é un sector estratéxico para o Grupo na actualidade, ao tempo que presenta as fábricas como o grande activo da compañía, competitivas e viábeis por si propias. "Pero este argumento resulta contraditorio coas ameazas e anuncios de recortes que o Sr. Larrea lanza nos medios", afirman.
"É evidente que coas cifras indicadas polo Presidente de Ferroatlántica, en termos de beneficios económicos, a Costa da Morte non xera a débeda anunciada". Non se entende entón, apunta o Comité, por que a comarca ten que pagar unha débeda ocasionada por movementos da compañía a nivel mundial, fundamentalmente derivados dunha fusión especulativa coa americana Globe. "A única débeda que a Costa da Morte ten contraída é a “débeda histórica” que a empresa acumula pola explotación e espoliación dos nosos recursos naturais. Esta é a débeda que Ferroatlántica non se atreve a pór enriba da mesa", aseveran.
Durante 25 anos, a Costa da Morte foi testemuña de como os beneficios xerados polas concesión dos aproveitamentos hidráulicos e pola actividade das fábricas emigraban e servían para financiar proxectos fóra da comarca, e de como eses mesmos beneficios non repercutiron na bisbarra, na modernización e mellora das factorías e na creación de novos empregos. "Como se pode crer que o Grupo Villar Mir apareza agora cargado de proxectos millonarios para a comarca?".
Advertencia á suposta compradora e ás autoridades bolsistas
Na reunión do Comité do pasado venres, ademais do escrito remitido á dirección da empresa, acordouse pór en coñecemento tanto da suposta empresa compradora, como das autoridades bolsistas americana e londiniense, o parecer xurídico da Universidade da Coruña contrario á venda e segregación, advertindo a todas as partes que, de levarse a cabo, sería un operación ilegal.
Até cando vai consentir a Xunta as ameazas dunha empresa que pretende pasar por enriba da legalidade e menospreza as funcións e atribucións da propia Consellaría?"
De igual xeito, enviouse escrito á Consellería de Industria para reiterar a solicitude de reunión e solicitarase dos alcaldes da comarca que apoien tamén esta demanda. "A comarca estase xogando o seu futuro, a Xunta non pode seguir a mirar para outro lado e manter unha actitude cómplice. Até cando vai consentir o Goberno galego as ameazas publicas desta empresa, que pretende pasar por enriba da legalidade vixente e ademais menospreza as funcións e atribucións da propia Consellaría?", inquiren.
A Xunta ten que actuar
A este respecto, subliñan que a Xunta non pode ignorar o rexeitamento rotundo que a Costa da Morte amosou na multitudinaria manifestación do pasado 10 de marzo contra esta venda especulativa. "Ten que estar a altura e desautorizar clara e inequivocamente calquera tentativa de venda. Non facelo supón condenar a comarca ao paro e á pobreza".
Unha vez máis, o Comité amosou a total disposición ao diálogo "sempre e cando a empresa desista das súas ilegais pretensións e presente un plan que sexa críbel e uns proxectos financiados a través dun plan plurianual de reinvestimentos en todas as actividades que o grupo explota".