Acompañantes do transporte escolar de Ferrol e Betanzos denuncian a precarización laboral e os incumprimentos de Monbus co servizo
O persoal acompañante do transporte escolar das comarcas de Betanzos e Ferrol denuncia a precarización laboral que están a sufrir e os reiterados incumprimentos do servizo por parte grupo Monbus. Avanzan ademais a súa disposición a iniciar mobilizacións se a empresa e a Xunta de Galiza continúan ignorando as súas demandas.
Así o manifestaron as traballadoras das zonas de Betanzos e Ferrol nas asembleas convocadas pola CIG o pasado mércores para abordar os problemas laborais neste sector completamente feminizado e cunhas condicións laborais xa cativas, debido a que os contratos son a tempo parcial e teñen horarios penosos.
Pero esta precariedade, advirte o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, afondou dende que a empresa de Raúl López se fixo cargo do transporte escolar. Denuncia que as xornadas de traballo do persoal acompañante son inferiores ao establecido no contrato da Consellaría de Educación -hai incluso persoal que só traballa media hora ao día-, cando nos pregos se estipula unha xornada laboral mínima de dúas horas diarias.
A isto súmase que persoal que estaba contratado como fixo-discontinuo na anterior empresa concesionaria e que tiña que ser subrogada como tal, veu como Monbús convertía o seu contrato en temporal, pola mesma duración que o curso escolar.
Ademais, a estas traballadoras non se lles aplica o convenio colectivo do transporte de viaxeiros/as, xa que Monbus lles paga polo Salario Mínimo Interprofesional, e por enriba sofren atrasos continuados no cobro dos soldos. "Este mes, por exemplo, recibiron as súas cativas nóminas o día 10, cando coa anterior empresa cobraban puntualmente o día 1", apunta Pastoriza.
Monbus non ten autobuses e condutores/as suficientes
Nas asembleas, as traballadoras amosaron tamén preocupación pola súa seguridade e a das crianzas "porque Monbus intenta aforrar autobuses e organiza os servizos de tal xeito que ao persoal condutor non lle queda máis remedio que ir a toda velocidade e incumprindo os horarios de entrada e saída colexios".
Neste senso, Pastoriza advirte que Monbus non ten nin o número de coches nin condutores/as suficientes para dar un servizo adecuado e respectar o que establecen os pregos de condicións, tanto no relativo aos horarios do transporte como a nivel laboral. "Isto significa que o persoal condutor ten que andar a todo correr para poder cumprir cos servizos, co risco que isto entraña", alerta. De feito, as traballadoras comentaron que xa houbo algún incidente con escolares que caeron no autobús porque non lles dera tempo a sentar cando o coche arrancou a toda velocidade.
Mobilizacións no mes de marzo
Esta problemática non é exclusiva das áreas de Ferrolterra e Betanzos e por iso a CIG ten previsto estender estas asembleas ao conxunto da provincia da Coruña e promover un calendario de mobilizacións que se iniciaría a primeiros do mes de marzo. Así mesmo, a central sindical vaise dirixir aos partidos políticos, ás ANPA, aos centros educativos e ás asociacións afectadas para tratar a situación do transporte escolar e a posibilidade de realizar accións conxuntas.
A maiores, a CIG volverá presentar denuncias diante das consellarías de Educación e Infraestruturas e Mobilidade para que adopten medidas de inmediato e obriguen ao grupo Monbus a respectar as condicións laborais do persoal e a dispor dos medios necesarios para dar un servizo adecuado e en condicións de seguridade.
Neste senso, Pastoriza critica a pasividade da Xunta diante das denuncias e queixas trasladadas tanto polo sindicato como polos propios centros educativos e ANPAs e denuncia o evidente trato de favor que recibe o grupo Monbus, a quen o Goberno galego lle está consentindo todo tipo de incumprimentos e falcatruadas.
Novas relacionadas: A CIG denuncia os abusos e as deficiencias no transporte de viaxeiros monopolizado por Monbus