Arxentina: o proxecto ultraliberal de Milei
Milei pretende inaugurar un novo ciclo político na Arxentina e marcar o rumbo ao mundo, como Pinochet desde 1973. A medio século da instauración, como ensaio, do neoliberalismo preténdese instaurar unha liberalización sen concesións, o que demanda consenso político
Milei di que, se en xaneiro do 2024 se repite a inflación do 25,5% de decembro 2023, será todo un éxito, do mesmo xeito que en decembro sinalaba que todo índice menor a 30% de inflación sería un logro e demostración do éxito da política económica de Caputo, o axustador.
É unha mensaxe que intervén na subxectividad, desde unha política comunicativa que continúa disputando consenso social ao axuste e á reestruturación regresiva da economía, o estado e a sociedade na Arxentina, base da súa actuación para lle mostrar o rumbo ao capitalismo mundial, que é o que pretendeu ensinar no seu discurso en Davos.
Din que o discurso ao establishment en Davos non foi o axeitado, porque non animou os empresarios asistentes a investiren no país, que é o que faría falta. Equivócanse, o que Milei pretende é marcar o rumbo futuro do país, da rexión e do mundo capitalista en crise.
Na Arxentina procura posibilitar máis negocio con hidrocarburos non convencionais, o litio, a megaminaría ao descuberto e consolidar o complexo agroexportador. É o que destaca Elon Musk como expresión do poder mundial concentrado.
Milei séntese chamado pola divindade a resolver os males civilizatorios e está convencido de que o capitalismo é a solución, e demanda a liberalización máis absoluta. É un abandeirado da crítica ao Estado, e de aí o seu anarcocapitalismo. Todo ao libre comercio, a liberdade de mercado e a competencia libre de regulacións estatais.
Non errou de mensaxe en Davos, e mesmo o critican por se autoplaxiar en discursos previos, cando en realidade, o que Milei sostén é a súa ortodoxia liberal.
Podemos e debemos criticar a inconsistencia do pensamento de Milei e da escola austríaca, mais non debemos subestimar o seu discurso propagandístico que o levou á fronte do goberno. Agora pretende consolidar o seu discurso non só na Arxentina.
A lóxica liberalizadora impúxose desde 1973 co ensaio “neoliberal” transformado en hexemónico desde os 80 do século pasado, validado polas dúas grandes potencias do imperialismo global, Gran Bretaña e os Estados Unidos.
É un proceso histórico posto en dúbida coa crise do 2007/09, polo que o propio capitalismo procura un rumbo nesta terceira década do século XXI. Hai variadas respostas para superar a crise e entre elas, desde Davos, vénse dicindo “barallar e dar de novo”, mensaxe contida no “reseteo do capitalismo”. O FMI aludiu a un novo “contrato social” en boca da segunda de a bordo, Gita Gopinath.
Milei fai unha proposta neste debate e sitúase desde unha dereita non nacionalista, con pretensión universalista.
As dereitas en voga, sexan Trump, Bolsonaro, Meloni ou Le Pen preséntanse como nacionalistas, proteccionistas, moi diferentes do aperturismo liberal sen concesións do presidente de Arxentina. É unha mensaxe para o capitalismo.
A mensaxe require do consenso social e está claro que o primeiro obxectivo se logrou electoralmente, o 30% de outubro, ampliando con votos prestados en novembro e que agora tenta consolidar.
Ampliar consenso é o obxectivo e para iso a comunicación e a instalación de que todos os problemas deveñen da historia centenaria, é dicir, da democracia liberal realmente existente no país desde a Lei Sáenz Pena (1912) e os gobernos electos desde 1916 baixo hexemonía radical e peronista. Un diagnóstico que atinxe as ditaduras entre 1930 e 1983, mesmo ao goberno de Mauricio Macri.
Milei pretende inaugurar un novo ciclo político na Arxentina e marcar o rumbo ao mundo, como Pinochet desde 1973. A medio século da instauración, como ensaio, do neoliberalismo preténdese instaurar unha liberalización sen concesións, o que demanda consenso político.
O presidente arxentino encarna unha vangarda de loita ideolóxica, teórica e política, coherente cos austríacos, que emerxeron en 1871, ano da Comuna de París, con Carl Menger para confrontar coa crítica de Marx á Economía Política e o Tomo I d’O Capital de 1867. Foron os austríacos os que polemizaron por volta de 1895 en contra dos Tomos II e III d’O Capital editados por Engels.
Para ese consenso político buscado instálase o medo á hiperinflación, mentres se acode á recesión para mostrar éxito no combate á inflación. A política pretende unha baixa deliberada do nivel de actividade para inducir unha baixa de prezos, moi parecida á “paz dos cemiterios”.
A política do poder executivo está clara e intervén con presión sobre os outros poderes do Estado. Nese marco inscríbense as concesións á lei ómnibus que se presentou para ditame nas sesións extraordinarias.
A resposta está na mobilización e organización social que ten no paro de hoxe 24 de xaneiro un punto importante para definir quen vence a quen, se a estratexia de consenso no axuste ou a resistencia e procura de alternativas que teñan no centro a satisfacción das necesidades sociais.
[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 24 de xaneiro de 2024]