Arxentina: Milei e o consenso electoral de millóns
O proceso electoral de 2023 dá mostras de cambios políticos á luz dos operados na orde capitalista local, como parte das modificacións globais ante a ofensiva capitalista de medio século que supuxo a liberalización da economía mundial. Na desigual distribución dos ingresos e da riqueza debe buscarse o sentido do voto
Milei retivo os seus votos de outubro e sumou case todos os de Bullrich e de Schiaretti, expresado en 14,5 millóns de votantes, o 56% do total. Un consenso electoral esmagador que agora vai camiño de se constituír en consenso político.
É unha dúbida a partir de confirmar no discurso do triunfo o rumbo do “axuste fiscal” e de reaccionarias reformas. Quédanos por coñecer a resposta do seu consenso electoral ante medidas que afecten condicións de vida de millóns dos seus votantes…, o tempo dirá. Massa retivo os propios máis os votos da esquerda e unha porción do gobernador cordobés, só iso. Mentres Milei sumou 25,7% ao seu 29,99% de outubro, o Ministro de Economía só incorporou 7,5% ao seu 36,78%, unha colleita magra sen novos votantes dun ausentismo que se mantivo. Se os votantes agora foron o 76,31, en outubro foron máis, o 77,04%. Así, o libertario sacoulle máis de 11 puntos ao ministro candidato, uns 2,9 millóns de votos.
O inefábel Macri parece realizar un traballo de reloxaría, desgastando a Rodríguez Larreta primeiro e logo a Bullrich, a quen rendeu ante Milei, nun trío que logo da elección celebrou o novo pacto da dereita reestruturada. Macri logrou instalar o seu curmán Jorge Macri na Cidade de Bos Aires, e é socio do triunfo de Milei, constatación feita no agradecemento público da sosegada mensaxe, nas formas, e dura no fondo, do electo presidente ao final da noite electoral. Só lle falta vencer no Club que o iniciou na xesta da política para facer a tripleta. O ex presidente desprendeuse das “pombas”, tal como lle pedía Milei e hoxe existe unha dereita reorganizada, que haberá que ver como funciona no Congreso e as lexislaturas, como nos aliñamentos dos executivos provinciais e municipais co nacional desde o 10/12.
Milei ratificou o seu discurso de campaña na celebración. Unha curta mensaxe, lida, coidadosamente preparada, en formato “estadista”, abandonado o papel do mitineiro irreverente. Sosegado nas formas e firme nos contidos, especialmente relativo ao axuste. Anticipou un 15% de axuste en campaña, só queda por ver en acción por onde pasa ese recorte e cal será a resposta dos afectados. Anticipou un “shock” e contacta co enfado dos seus votantes cos “privilexios”. Unha categoría difusa que a realidade dos próximos días, logo do 10/12, fará máis concreta. Quen van ser os afectados/as? Que respostas se van dar, incluso como se vai facer a aplicación da lei aos “violentos” (represión) que se mobilicen na súa contra? As respostas poden ser rápidas e poñerán en xogo o novo ciclo de loitas na Arxentina.
A reestruturación da dereita leva a outras reestruturacións no arco político da Arxentina. Como se reestruturará o peronismo e o radicalismo, partidos tradicionais do ciclo bipartidista do século XX até o 2001? A reconversión bipartidista en réxime de dúas coalicións parece chegar á súa fin. E a esquerda, asumirá o desafío dunha ampliación a variados grupos de inserción social popular sen representación lexislativa, e mesmo á articulación coa tradición peronista combativa, anticapitalista e antiimperialista?
O proceso electoral de 2023 dá mostras de cambios políticos á luz dos operados na orde capitalista local, como parte das modificacións globais ante a ofensiva capitalista de medio século que supuxo a liberalización da economía mundial. Na desigual distribución dos ingresos e da riqueza debe buscarse o sentido do voto. A maior explotación da forza de traballo e o saqueo sobre os bens comúns xerou a “miserabilización” de millóns que só esperan cambios, coa aspiración de mellorar a cotidianeidade. A iso debe sumarse o desprezo dunha cultura “antipopular” que identifica o peronismo e a esquerda como indesexábel, expresión do racismo no noso territorio.
Axiña imos coñecer a totalidade dos membros do executivo do presidente liberal libertario. Algúns nomes coñécense e as súas propostas son reaccionarias e antipopulares. Faltan cousas a completar e soa o tren pantasma de antigos colaboradores de tempos da ditadura ou dos 90, que desembocaron nas dramáticas consecuencias do 2001. O proxecto da ditadura e dos 90 volve para encarnar a antiga aspiración da restauración conservadora de 1880 a 1910, o ano do centenario, cos fastos do poder e o “estado de sitio” ante as protestas obreiras e populares das organizacións anarquistas, socialistas, comunistas.
Cambiou o capitalismo desde 1975/76 e exprésase co triunfo da ultradereita en 2023. É unha realidade converxente con outros procesos no capitalismo mundial, que inclúe un escenario de guerra acelerada, con máis gasto improdutivo, especialmente militar, con desigualdade e especulación estimulada pola forma ficticia que asume o capital para a acumulación nesta terceira década do século XXI. A relación entre o peso local e as divisas así o demostran. Milei quere un peso depreciado para facilitar o seu proxecto de dolarización. Nese camiño deterióranse as condicións de vida da maioría da sociedade. As cotizacións do dólar cripto malia o feriado van nese sentido. Aí se xogan as próximas tensións da economía.
A interrogante é se a sociedade empobrecida o acepta ou xera novos ciclos de resistencia e de construción de alternativas políticas para outro rumbo, máis aló do consenso electoral, que por agora queda en suspenso a súa consolidación como proxecto político que marque rumbo do presente e futuro próximo da Arxentina.
A dereita mundial festexa. A esquerda global debe pensar criticamente a realidade e desenvolver unha iniciativa política que poida encarnar as aspiracións do vivir ben das/os empobrecidas/os. É un desafío para o presente que ilusione un porvir de transformacións sociais en contra e máis aló do réxime do capital.
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 22 de novembro de 2023]