Arxentina: Macri, seis meses despois

Atilio A. Boron - 16 Xun 2016

Nun continente inzado pola presenza dunha dereita cada vez máis falta de escrúpulos e voraz a xestión de Cambiemos á fronte da Casa Rosada sobresae pola radicalidade do seu proxecto reaccionario

Poucas veces se viu un goberno que de forma tan rotunda ratificase a verdade contida nalgunhas teses medulares da teoría política. Unha, formulada por Agustín de Nipona no século IV cando se preguntaba: “Sen xustiza que son os reinos senón grandes bandas de ladróns?”. En liña con este razoamento Tomás Moro, xa nos albores do século XVI dicía na súa coñecida Utopía que ao contemplar ás florecentes repúblicas do seu tempo non vía outra cousa que “unha gran cuadrilla de xentes ricas e aproveitadas que á sombra e en nome da república trafican no seu propio proveito”. A mediados do século XIX Marx e Engels confirmarían a veracidade daquelas premonitorias observacións escribindo que o “Estado é o comité que administra os asuntos comúns da clase burguesa”.

 Nun continente inzado pola presenza dunha dereita cada vez máis falta de escrúpulos e voraz a xestión de Cambiemos á fronte da Casa Rosada sobresae pola radicalidade do seu proxecto reaccionario. Un breve balance dos seus primeiros seis meses demostra que a súa preocupación excluínte foi executar unha acelerada transferencia de ingresos e riquezas a favor das clases dominantes, exacerbar a espoliación de traballadores e consumidores, blindar mediaticamente o novo elenco gobernante (para que os seus delitos, transgresións, incompatibilidades e conflitos de intereses sexan ocultados ante os ollos da opinión pública) e botar pola borda calquera pretensión de autodeterminación nacional, atando Arxentina ao carro do imperio e asumindo con estúpida ilusión un novo estatus semicolonial.

 Poucas veces se viu un goberno con tan pouca sensibilidade social, incapaz de comprender que os brutais axustes nas tarifas dos servizos públicos non teñen a menor posibilidade de ser aboados polos usuarios. Un goberno de prepotentes oligarcas corporativos sen ningún contacto coa vida real, as privacións, os sacrificios e os sufrimentos da enorme maioría da poboación. Minoría opulenta e autoritaria que nos últimos anos multiplicou de xeito obsceno a súa riqueza e que, xa no poder do Estado, se asaña vingativamente co resto da sociedade á cal culpan de ser o soporte material do “populismo” e á cal, en exemplar escarmento, confiscan agora os seus miserábeis ingresos pola vía das tarifas, e en pouco tempo bota á pobreza a máis dun millón de persoas. Un goberno como este, que despreza os máis elementais preceptos da xustiza social e a equidade, sería considerado por Agostiño e Tomé (santificados de mala gana por unha Igrexa historicamente aliada ao poder social) como unha conspiración de ladróns. E por Marx e Engels como unha confabulación dos ricos para saquear a sociedade en nome da república e a democracia, aínda a risco de incendiar o país. Soa esaxerado? Non, é apenas unha sobria descrición do tipo de goberno que hai na Arxentina. Non estamos inventando nada. Simplemente facendo unha radiografía política, penosamente verdadeira. E a verdade sempre é revolucionaria.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘TeleSur’, do 10 de xuño de 2016]