Arxentina: A alienación venceu a conciencia

Emir Sader - 24 Nov 2023

Como toda contenda política en América Latina neste período histórico, o enfrontamento central dáse entre o neoliberalismo e o antineoliberalismo, na procura dun modelo posneoliberal

 Arxentina, unha vez máis, é un caso exemplar. Un fenómeno desta dimensión non ten unha soa ou poucas causas para entendelo.

 Sábese que o voto castigo foi unha das razóns de fondo de que a maioría votase en contra do Goberno, en contra da esquerda, en contra do Estado. Iso, entre as razóns do voto de rexeitamento.

 Outra das razóns fundamentais foi a capacidade do candidato da dereita de se identificar co cambio. Na súa propaganda electoral, dicía algo así como "hai que cambiar o país e non se pode cambiar cos mesmos". A mensaxe ía acompañada de imaxes de gobernantes e líderes peronistas.

 Nada máis suxestivo para conquistar o voto cara ao que aparecía como outsider como xogar coa imaxe da caste, que a esquerda tentou desacreditar denunciando a alianza con representantes desa caste -Macri e Bullrich, entre eles-. Un mecanismo que, polo visto, non funcionou.

 En que se diferencia esta derrota doutras? En primeiro lugar, que se deu a través dun proceso electoral. É dicir, que foi precedida por unha campaña electoral, en que as alternativas foron sometidas aos electores. A contenda política desprazouse ao campo das campañas.

 E, como moitos de nós xa anunciaramos, unha derrota política está precedida dunha derrota no campo ideolóxico, dos valores, da contenda acerca da conciencia das persoas.

 Antes da derrota electoral houbo unha derrota na conciencia da maioría das persoas. Como noutros países do continente, estamos a perder a contenda en canto aos valores, na que a descualificación do Estado, do seu rol, das súas políticas, é decisivo.

 A diferenza é que se foi impotente para impedir que unha alternativa tan radical, de extrema dereita, capitalice o fracaso de políticas de gobernos de esquerda para mellorar as condicións de vida da maioría das persoas. Impedir que o Estado sexa responsabilizado por todo iso, para que unha alternativa que propoña, da forma máis radical, o Estado mínimo e, con iso, o dereito das persoas, que só pode ser garantido co Estado. Cos ataques e o sinalamento do Estado como responsábel, atacan e buscan destruír os dereitos das persoas. Buscan derrotar e destruír os atrancos á imposición da centralidade do mercado, ao proceso de mercantilización radical da sociedade, obxectivo último do neoliberalismo.

 A contenda fundamental darase entre a esfera mercantil e a esfera pública. Pola dereita, como enunciou Ronald Reagan ao comezo da era neoliberal: o Estado deixou de ser solución, para ser problema. Hai que destruír a capacidade de garantía dos dereitos das persoas, de regulación do Estado, de mantemento das propiedades públicas, de protección do mercado interno, da soberanía nacional.

 Como toda contenda política en América Latina neste período histórico, o enfrontamento central dáse entre o neoliberalismo e o antineoliberalismo, na procura dun modelo posneoliberal. O estado da contenda pódese medir desde o momento en que a dereita logre mercantilizar as nosas sociedades e nós logremos resistir a eses cambios, reafirmar e fortalecer os dereitos, a democracia, a soberanía, que supón sempre a democratización dos Estados.

 Reconquistar, en primeiro lugar, aqueles que non sentían que perdían dereitos porque non os tiñan. Moito máis difícil, porque imos perder, co fin do mandato, a capacidade de garantir eses dereitos.

 En segundo, elaborar un proxecto de democratización do Estado. En terceiro termo, rearticular os procesos de integración latinoamericana e elaborar unha política internacional de superación do neoliberalismo e de fortalecemento do Sur global.

 Cómpre empezar pola realización dun balance e analizar as perspectivas do novo período político en América Latina, porque o cambio de goberno en Arxentina introduce unha nova correlación de forzas na rexión, tanto pola fin do goberno no país, canto polo xurdimento dun novo liderado de extrema dereita.

 Non podemos dar ningunha tregua a ese novo liderado. Valernos das súas debilidades, especialmente o seu illamento internacional, a súa falta de políticas sociais, a súa incapacidade de mellorar as condicións de vida da poboación.

 Da experiencia brasileira pódese tirar a lección da reafirmación da prioridade das políticas sociais, a democratización do Estado, o fortalecemento das políticas de integración rexional e o Sur do mundo, nomeadamente través dos BRICs.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 23 de novembro de 2023]