Arrinca o novo calendario de folga na recollida do lixo de Carballo cun seguimento total
A nova xeira de folgas no servizo de recollida do lixo do Concello de Carballo arrincaba ás 22:30 horas deste domingo rexistrando un seguimento total, xa que ningún traballador entrou na quenda de noite e na da mañá só acudiu o persoal afectado polos servizos mínimos. O paro estenderase até ás 15:00 horas do xoves 18 de xullo e está prevista tamén a convocatoria de mobilizacións que se irán concretando nos próximos días.
O secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, avanza que os servizos mínimos comunicados o pasado venres polo Concello van ser impugnados "xa que entendemos que son abusivos e dificultan o exercicio do dereito fundamental á folga dunha boa parte do persoal".
Explica que a actividade imposta para as xornadas de luns a xoves é do 43,75% (igual a porcentaxe decretada na folga que coincidiu cos días das festas do San Xoán) "o que supón dous camións con dúas rutas para recollida de residuos sólidos urbanos, cando nunha xornada normal só hai un camión e unha ruta para este tipo de residuos".
Para o venres e o sábado a porcentaxe de mínimos increméntanse aínda máis, até o 56,26%, "polo que son maiores que os decretados durante o San Xoán". Caamaño critica a decisión do Concello "que está vulnerando o dereito fundamental á folga coa imposición destes mínimos".
Boqueo da empresa á negociación
Subliña que a convocatoria de folga dáse en reposta ao bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da UTE Carballo (Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería) e á falta de propostas que permitan avanzar nun acordo. Neste senso, lembra as cativas condicións salariais do convenio e que neste momento todo o persoal está no SMI. "Non hai diferenza entre o persoal condutor que está na quenda de día e o que está na quenda de noite ou entre un peón de día e un peón de noite. Calquera destas catro categorías percibe o salario mínimo".
Por iso, considera que este convenio ten que ser un punto de inflexión "para que a partir de agora os salarios escapen so SMI" e por iso unha das reivindicacións sociais consiste na introdución dunha cláusula que garanta que as próximas revisións do SMI non absorberán determinados pluses que xa existen no convenio (como a nocturnidade ou a penosidade), "porque senón estas compañeiras e compañeiros estarán permanentemente condenados a cobrar o salario mínimo".
Outra das principais demandas refírese ao estabelecemento dun complemento de IT do 100% no caso das baixas por enfermidade profesional ou común, tendo en conta que se trata dun sector que soporta unha especial penosidade por traballar a quendas, ao aire libre e sometido a un altos índices de toxicidade.