
Arrinca en Xenebra a Conferencia Internacional da OIT coa participación da CIG nos debates

Como cada ano por estas datas, a CIG está a participar na Conferencia Internacional da OIT, que se celebra en Xenebra, desde o día 2 ao 13 de xuño, e que este ano celebra a súa 113ª edición, aínda que xa comezaron o día 1 coas reunións previas preparatorias de cada unha das tres partes, gobernos, empregadores/as e traballadores/as.

Ademais das correspondentes sesións plenarias, a lectura do Informe do Presidente do Consello de Administración e a Memoria do Director Xeral, o Informe da situación dos traballadores/as nos territorios árabes ocupados, e o Proxecto de Programa e Presuposto para 2026-2027 e outras cuestións, este ano desenvolveranse os traballos en sete comisións:
- Comisión de Verificación de Poderes.
- Comisión de Asuntos Xerais.
- Comisión de Cuestiós Financieiras.
- Comisión de Aplicación de Normas.
- Comisión Normativa sobre os Perigos Biolóxicos.
- Comisión Normativa sobre o Traballo Decente na Economía de Plataformas.
- Comisión da Discusión Xeral sobre a Promoción de Transicións cara a Formalidade.
A CIG está inscrita na Comisión de Aplicación de Normas, que vela polo cumprimento dos diferentes convenios da OIT, e avalía a lista final dos 22 países que destacan polo seu incumprimento. Unha lista consensuada entre as partes, que non sempre se axusta á realidade, e que adoita incluír algúns casos máis por criterios políticos.
Aínda así, e dado o seu interese, a central sindical procurará asistir a algunha das reunións e seguir os debates das dúas últimas comisións, especialmente a que ten a ver coas Plataformas, pois é unha das principais ameazas que ten o futuro do traballo e as relacións laborais. Un sector que se escapa á calquera tipo de regulamentación, e é por iso que a parte dos/as empregadores, está tentando impedir que conclúa en ningún tipo de Convenio e Recomendacións.
No marco da Conferencia, haberá outros eventos e actividades, como o debate sobre a contribución tripartita da OIT ao Segundo Cumio Mundial sobre Desenvolvemento Social no 2025.
Nas últimas xornadas procederase á votación dos diferentes documentos resultantes dos distintos debates e comisións de traballo.