Arrinca a primeira xornada de folga no centro de traballo de COMFICA no Milladoiro
Practicamente o 100% do persoal secunda a primeira xornada de folga convocada no centro de traballo de COMFICA –subcontrata de Movistar e MasMovil (R)- no Milladoiro, a pesar dos servizos mínimos abusivos impostos pola autoridade laboral, so pretexto de que é un servizo esencial e de que a empresa está substituíndo ao persoal por outro subcontratado. Cuestións ambas que xa foron denunciadas perante a Inspección de Traballo.
O persoal exixe a readmisión dos compañeiros despedidos. Unha política laboral que COMFICA vén aplicando desde principios de ano –xa van cinco despedimentos- co obxectivo de quedar con cada vez menos persoal propio, que está sendo substituído por outro subcontratado.
O persoal denuncia que o obxectivo da empresa con estas subcontratacións é precarizar as condicións laborais dese persoal subcontratado, con xornadas de 12 a 14 horas, de luns a domingo e incumprindo as medidas de seguridade, mesmo tirando de subcontratas portuguesas. Prácticas que, segundo o secretario comarcal de CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, son unha fraude que “se estendería tamén á propia Seguridade Social”.
Readmisión dos despedidos
Ademais de frear estas prácticas, o persoal exixe á empresa que se comprometa a manter o emprego que hai na actualidade, que a esta altura representa só o 50% do total, porque o outro 50% xa é de subcontratas, porque “moito nos tememos que queiran chegar ao 100% de persoal de subcontratas”, di Blanco.
Neste sentido, sinalan o ocorrido no centro de traballo de Ourense, recentemente desmantelado e no que só quedan unha ou dúas persoas no almacén para darlle o material ás subcontratas desta subcontrata.
Servizos mínimos
Tras ameazar cuns servizos mínimos abusivos, de practicamente o 100%, so pretexto de que o traballo que desenvolven é unha actividade esencial, COMFICA convocou onte a representantes do comité de folga. Segundo explica o secretario comarcal de CIG-Industria, o persoal rexeitou eses servizos mínimos porque “está é unha subcontrata de Telefónica e non ten sentido que se apliquen”.
Aínda así a empresa decretou mínimos para 6 traballadores aos que “lles está dando ordes de traballo ordinario, como altas a clientes, entre outros”, afirma Blanco. Por iso a CIG-Industria presentou denuncia na Inspección de Traballo, “por isto e porque a empresa está usando subcontratas para substituír ao persoal en folga, vulnerando deste xeito un dereito fundamental”.