Arrinca a campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos
Vén de se iniciar a campaña de recollida de sinaturas en apoio á solicitude de indulto para Xesús Anxo López Pintos. Campaña que forma parte dun conxunto de actuacións que se irán desenvolvendo, entre as que xa se anuncia a convocatoria dunha manifestación que percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro día 31 de maio. Os pregos de sinaturas pódense recoller, e unha vez cubertos entregar, nos locais da CIG.
En outubro de 2012, nun contexto sociolaboral de absoluto deterioro en ¨Ferrolterra; peche de empresas, perda de postos de traballo e deterioro xeral das condicións laborais, a cidadanía acudía a unha convocatoria dos comités de empresa de Poligal e Navantia diante do hotel Almirante, onde o PP, no goberno naquel momento, celebraba un acto de campaña.
Despois de horas de protesta, a mobilización foi disolta por unha carga policial absolutamente desproporcionada e inxustificable, cun único obxectivo, perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta da clase tarblladora para mellorar as súas condicións laborais e de vida.
Para cumprir o obxectivo de amedrentamento da loita obreira, e como mensaxe exemplarizante, non dubidaron en dirixir as agresións ao compañeiro Pintos, como símbolo da entrega militante na loita polos dereitos e as liberdades da clase obreira.
Foi ademais agredido e vexado tamén mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría, e agora rematado cunha sentenza xudicial que converte a vítima en verdugo. E todo isto coa aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, unha lei que a día de hoxe aínda sigue vixente.
Demandar xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical, pasa porque toda a sociedade e as suas organizacións, con unidade e compañeirismo, academos a amnistía do compañeiro.