Arredor do 80% do persoal secunda a folga en Cándido Hermida contra os despedimentos e por unhas condicións dignas
Arredor do 80% dos traballadores e traballadoras das empresas Industrias Cándido Hermida e Inaval, do grupo Cándido Hermida, secundaron este xoves a xornada de folga convocada para esixir a readmisión dos 24 compañeiros despedidos e na defensa dunhas condicións laborais dignas. Ademais dos piquetes informativos ás portas das naves das empresas, o persoal realizou unha concentración esta tarde na Praza de Armas de Ferrol que contou co arroupe de centos de veciñas e veciños da comarca.
O secretario da CIG-Construción e Madeira de Ferrol, Marcos Sánchez, valoraba moi positivamente o respaldo á convocatoria de folga, malia as fortes presións exercidas pola empresa nestes días para que os traballadores e traballadoras non secundaran o paro e tendo en conta o feito de ser esta a primeira vez que se convoca folga nesta compañía.
Dende ás sete da mañá, o piquete informativo dispúxose na entrada das instalacións do Polígono do Río do Pozo para explicar os motivos da convocatoria e instar a secundar o paro. A presenza policial fíxose notar en todo momento e chegouse a montar un cordón policial para o acceso dos traballadores/as que non fixeron folga (persoal de ETT e encargados).
Despidos do persoal máis antigo e reivindicativo
Cómpre lembrar que a mediados de abril, o grupo iniciou unha serie de despedimentos alegando causas económicas que afectaron a 24 traballadores cunha longa traxectorias na empresa, xa que suman unha antigüidade media de máis de 15 anos. As centrais sindicais rexeitan os argumentos esgrimidos pola compañía para xustificar esta medida e temen que atrás destes despedimentos sigan outras medidas de recorte. De feito, engadía Sánchez, "onte mesmo houbo a finalización dun contrato temporal que todo parece indicar que estaba en fraude de lei".
Así, lembra que na última reunión coa empresa, a dirección non só se reafirmou na necesidade dos despedimentos senón que incluso avanzou que se levarían a cabo novos axustes. Neste senso, Sánchez amosou a disposición do persoal a abrir unha mesa de negociación na que tratar a situación do grupo e, de ser necesario, buscar solucións "que non poden pasar por despedimentos nin polo recorte das condicións laborais".
O responsábel comarcal da FCM-CIG salienta que a incongruencia que supón que unha empresa que presuntamente ten problemas económicos estea disposta a asumir un alto custe en indemnizacións, subcontrate traballo a outras empresas e estea facendo novas contratacións a través de empresas de traballo temporal.
Recortar as condicións laborais
Cómpre lembrar que Cándido Hermida xa pretendera recortar as condicións de traballo no ano 2019 cunha desregularización da xornada laboral, que non puido levar adiante pola firme oposición do cadro de persoal. Non parece unha coincidencia que os compañeiros agora despedidos foran das persoas que máis participaron e interviñeron nas asembleas celebradas naquelas datas e quen deron a batalla durante os abusivos ERTE impostos con motivo da Covid.
"Parece obvio que as acusas económicas son a escusa para desfacerse dun número importante de traballadores que non tragan coa precariedade e o empeoramento das xa malas condicións laborais que hai nestas empresas", afirmouse no manifesto lido ao remate da concentración desta tarde.
Tamén se lembrou que este grupo de operarios foron dos primeiros en entrar nas regulacións temporais e os últimos en saír. "Represión e castigo, ese foi o primeiro paso antes de despedirnos", alertando que estas actuacións van encamiñadas a amedrentar o cadro de persoal para poder aplicar sen ningún tipo de contestación máis recortes nas condicións laborais.
Por iso, na concentración reclamouse do goberno que proceda de inmediato á derrogar unha reforma laboral "que lle permite ás empresas facer o que lles pete" e que está deixando sen dereitos á clase traballadora.