O 70% do cadro de persoal de Bosch en Vigo secunda a folga contra o despido de 148 compañeiros/a
Arredor do 70% do cadro de persoal do centro de chamadas de Bosch en Vigo secundou hoxe o paro de 24 horas convocada polo comité de empresa para rexeitar o ERE de extinción presentado pola compañía e que afecta a 148 persoas. Preto dun cento de empregados/as aproveitaron a xornada para desenvolver unha concentración diante das instalacións da rúa Barxa do Covelo.
O presidente do comité de empresa, Xulio Paramos, da CIG, valorou moi positivamente o impacto do paro, aínda que recoñeceu as dificultades para coñecer os datos reais de seguimento tendo en conta que moitos/as traballadores/as atópanse en teletraballo. Con todo, un importante número deles/as participou na concentración que tivo lugar ás portas da compañía, onde tamén se celebrou unha asemblea na que a representación do persoal informou sobre o estado do ERE.
Ao mesmo tempo, Paramos adiantou que seguirán a promover a convocatoria de mobilizacións co obxectivo de frear os plans de Bosch e evitar o despedimento de 148 compañeiros/as. Neste senso, lembra que o persoal sufriu dende o ano 2020 catro ERTE consecutivos e un proceso de modificación substancial que provocou a extinción de varios postos de traballo. A causa esgrimida pola dirección da compañía nesta ocasión para xustificar a decisión é a perda do servizo de Helpdesk de Vodafone.
Ao mesmo tempo, sinala que Bosch efectúa continuos despedimentos por baixo rendemento “nuns tempos nos que conseguir os desmesurados obxectivos de vendas é moi difícil, primeiro polas circunstancias económicas derivadas da pandemia e actualmente polo alto incremento da carestía da vida”.
Proceso de deslocalización
Dende a sección sindical da CIG en Bosch culpan á empresa de non ser capaz de manter estes empregos nin de ofrecer alternativas para non botar a xente á rúa, “sobre todo cando estamos a falar de persoas que levan moitos anos na empresa e traballaban nunha campaña que chegou a empregar a máis de 500 persoas”.
Ademais, denuncian que Vodafone tenta maximizar beneficios a costa dos dereitos laborais, deslocalizando este servizo a terceiros países -como Portugal, Perú e Colombia- con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo estatal dos centros de chamadas.
Por iso a CIG alerta de que se trata dunha deslocalización de servizos que non se producía dende hai anos neste sector na cidade de Vigo. Temen que este caso sexa un primeiro síntoma dun "reponte deslocalizador", principalmente por parte de compañías “tan voraces” como Vodafone, “que non só suporá a destrución masiva de postos de traballo, senón tamén o traslado de datos de milleiros de persoas a países que non están suxeitos á normativa europea de protección de datos”.