200 traballadores/as do aeroporto de Santiago mobilízanse contra o peche da cantina de persoal
Arredor de douscentos traballadores e traballadoras do aeroporto Rosalía de Castro mobilizáronse este mércores no interior das instalacións en rexeitamento á decisión de AENA de pechar a cantina que até o de agora do persoal tiña a súa disposición e que lle permitía consumir dentro do aeroporto a uns prezos reducidos.
Aínda que convocada polo comité de AENA, na protesta participou tamén persoal das compañías, da limpeza, da seguridade privada ou dos servizos auxiliares, que ao berro de "aquí vimos traballar, non pasear" ou "AENA ten que xestionar avións e non a miseria dos salarios" quixeron amosar o absoluto rexeitamento á decisión da dirección.
A protesta percorreu a zona dos mostradores de facturación e no marco desta, os traballadores e traballadoras realizaron unha sentada na cafetería de pasaxeiros/as que hai nesa área. Pablo de Prado, representante da CIG no comité de AENA, subliñou o concorrido da mobilización e xa anunciou que o vindeiro luns haberá reunión de todos os comités para avaliar novas accións a desenvolver e que o mércores, 24 de abril, se repetirá a concentración contra o peche da cantina.
Lembra que, de consolidarse a decisión da dirección, isto suporía que os empregados e empregadas do aeroporto (un colectivo de arredor de 1.000 persoas) teñan que pagar os mesmos prezos que calquera pasaxeiro ou pasaxeira por tomar un café, comer ou beber unha auga.
O persoal reclama garantías de que se manterá o servizo
Ante o inicio de mobilizacións, engadiu De Prado, o director do aeroporto convocou ao comité de AENA a unha reunión para informar de que van sacar o prego de condicións para o servizo de cantina, pero a diferenza do que viña sendo habitual, separado do contrato de restauración. Ante a pregunta de que pasaría se ningunha empresa se presentaba para facerse cargo da cantina, o director limitouse a dicir que o persoal de AENA ten garantido consumir a prezos asequíbeis. "Iso non nos vale, non é unha solución porque a maioría dos traballadores/as non tería acceso aos prezos reducidos", advirte.
Neste senso, dende a CIG deféndese que nos pregos da contrata se recolla que, mentres non se presente ningunha empresa, sexa a compañía adxudicataria do resto das cafeterías quen se faga cargo do servizo da cantina; ou ben que sexa a propia AENA quen xestione directamente o servizo, tal e como acontece noutros aeroportos.
Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuarán coas mobilizacións para esixir o mantemento da cantina de persoal e rexeitar que a dirección de AENA sexa a artífice dun novo recorte dos seus dereitos.