Arredor de 2.000 escolares participan en Compostela na XVII Edición do Correlingua
Arredor de 2.000 escolares participaron este luns na edición 2017 do Correlingua en Santiago de Compostela, carreira pola lingua na que participa alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra, entre outros.
O Correlingua contou coa participación de rapazas e rapaces de centros de ensino da comarca de Compostela que correron desde a Quintana pola zona vella da cidade para despois volver á praza onde gozaron dunha festa final que conduciu a actriz Isabel Risco.
No acto estiveron presentes o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, que saudaron o alumnado e entregaron os premios de animación na carreira.
Os centros premiados foron en primeiro lugar o IES Xelmírez I, no segundo posto o IES Xelmirez II e en terceiro lugar o IES Agra de Raíces, que chegaron dende Cee a Compostela para participar na festa pola nosa lingua.
Como peche de ouro do Correlingua, contouse coa actuación do grupo A Compañía do Ruído, grupo gañador do Cantalingua, concurso do Correlingua no que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado de diferentes centros de ensino.